Mañá xoves 11 de xuño, ás 20,00 horas, na Casa da Cultura de Ribadavia, Ribeiro en Común celebrará unha nova asemblea aberta á cal convidamos á toda a veciñanza a asistir e achegar as súas propostas para construír unha alternativa real para unha Ribadavia mellor. Desde comezos deste ano, o colectivo cidadán retomou as asembleas abertas co obxectivo de avanzar na renovación da candidatura e na definición dun proxecto político capaz de responder ás necesidades reais da veciñanza. Neste mes de xuño celebrarase unha nova asemblea na que se aprobará un calendario de traballo para os próximos meses.
Ribeiro en Común considera que, consumida xa a maior parte da lexislatura, é o momento de canalizar todo o traballo realizado nos últimos tres anos desde a oposición e convertelo nun programa de goberno serio, participativo e baseado nas prioridades dos veciños e veciñas de Ribadavia. Durante esta lexislatura, Ribeiro en Común mantivo unha oposición activa, crítica e construtiva, presentando propostas en cada pleno municipal co obxectivo de mellorar o Concello. O colectivo destaca que a súa actuación estivo marcada pola transparencia, a responsabilidade, a defensa dos servizos públicos, a aposta por políticas progresistas e a vontade permanente de achegar solucións útiles para Ribadavia.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Neste sentido, Ribeiro en Común entende que existe unha crecente decepción cidadá co actual goberno municipal, polo que considera necesario abrir un novo tempo político que permita construír unha alternativa de esquerda, plural, participativa e con capacidade real de goberno. O proceso iniciado terá como eixo central a participación veciñal. O obxectivo é elaborar un programa municipal que non responda a intereses partidistas nin a decisións tomadas de arriba abaixo, senón ás necesidades concretas dos barrios, das parroquias, do tecido asociativo, cultural, económico e social de Ribadavia.
Ribeiro en Común quere que a candidatura de 2027 sexa unha ferramenta aberta á cidadanía, capaz de sumar persoas, ideas e propostas arredor dun proxecto común para mellorar Ribadavia. Por iso, o colectivo fai un chamamento aos veciños e veciñas a participar nas asembleas abertas e a formar parte deste proceso de renovación. “É o momento de transformar o traballo realizado desde a oposición nunha alternativa real de goberno. Queremos construír un programa útil, participativo e pegado á realidade da veciñanza, porque Ribadavia precisa un proxecto progresista, transparente e con capacidade para ilusionar”, sinalan.
Nos próximos meses, Ribeiro en Común desenvolverá diferentes espazos de participación e traballo colectivo para recoller propostas, debater prioridades e avanzar na configuración dunha candidatura renovada, plural e comprometida co futuro dunha Ribadavia mellor.

















