O Concello do Carballiño, por medio da Concellería de Deportes, organiza para este vindeiro sábado, 20 de xuño, unha sesión práctica de ioga con motivo da celebración, o domingo, do ´Día Internacional do Ioga’. A actividade terá lugar a partir das 11,00 horas nos xardíns interiores do Gran Balneario da vila e foi presentada esta mañá polo concelleiro de Deportes, José Castro-Gil, e a monitora encargada de coordinar a sesión, Angélica Molina.
Castro-Gil subliñou que “o Gran Balneario é o sitio ideal para esta práctica e queremos que O Carballiño se mova e faga deporte”. Sobre a sesión do sábado, o tamén alcalde en funcións apuntou que “non é preciso inscrición previa para poder participar, só hai que presentarse alí con roupa cómoda, xa que nós aportamos as colchonetas que sexan precisas, e tamén é totalmente gratuíta”.
Pola súa banda, Angélica Molina indicou que “o obxectivo é desfrutar ao aire libre e coñecer un pouquiño a práctica do ioga para conseguir un equilibrio entre o noso corpo e a nosa mente”. A monitora tamén avanzou que as sesións de ioga e pilates que se viñan realizando sábados e domingos no pavillón Paco Chao pasaran a levarse a cabo no Gran Balneario durante a semana a partir do vindeiro mes de xullo. “Teremos ioga os luns e mércores, e pilates os venres, ás 20,00 horas”, subliñou.

















