O Concello de Ribadavia, ABANCA e Afundación asinaron hoxe un convenio de colaboración no marco do proxecto ‘Corrente cultural’ para levar á vila a exposición de rúa «Comedy Wildlife». O acto de sinatura contou coa asistencia do alcalde do Concello de Ribadavia, César Manuel Fernández Gil; do coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso Sanromán; e da coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano. A mostra poderase visitar no Parque dos Xardinillos do 19 de agosto ao 13 de setembro.
Esta colaboración é parte do proxecto ‘Corrente cultural’, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
As 16 imaxes que articulan «Comedy Wildlife» resultaron distinguidas entre 2015 e 2024 como as mellores instantáneas de animais feitas en clave de diversión e humor polo galardón The Comedy Wildlife Photography Awards. Agora chega na súa versión de rúa tras abarrotar nos últimos anos museos e centros de exposicións dos Países Baixos, Inglaterra, Portugal ou Canadá, e despois do seu exitoso paso polos centros de Afundación en Galicia. Sobre a base do seu compromiso coa implicación social e o coidado do medio ambiente, a Obra Social de ABANCA presenta esta nova proposta expositiva no marco dunha programación variada, dinámica e innovadora para todos os públicos e de amplo alcance xeográfico.
Nos últimos tempos, a fraxilidade dos nosos ecosistemas e das súas especies esperta unha crecente preocupación medioambiental que xerou multitude de reaccións, e tamén unha ineludible onda de mensaxes derrotistas. A miúdo estes resultan contraproducentes, ao provocar unha clara reacción de rexeitamento ou mesmo evasiva que busca minimizar esa angustia ―ecoansiedade― que produce enfrontarse a un asunto de tales dimensións. «Comedy Wildlife» é unha exposición que cativa a toda a familia ao utilizar o humor e a sorpresa como unha forma efectiva de involucrar ao público e facer unha chamada de atención mediante a empatía que sentimos con estas imaxes. Así, as instantáneas seleccionadas que se presentan mostran, nas posicións e momentos máis divertidos, a animais como tartarugas, mapaches ou pingüíns.
Asegura o cofundador dos premios «The Comedy Wildlife», o fotógrafo especializado na natureza Paul Joynson-Hicks, que «as cuestións de conservación e sustentabilidade da vida silvestre están a gañar impulso a nivel mundial, pero as mensaxes e as imaxes tenden a ser negativos, deprimentes e enervantes». E que por iso se animou, xunto aos fotógrafos de natureza Tom Sullam e Michelle Wood, a crear estes galardóns. Desde 2015, premian as imaxes máis divertidas de animais tomadas nun mundo «extraordinariamente belo e interconectado».


















