Xosé González Martínez: Secretario da Irmandade Xurídica Galega e Presidente Foro E. Peinador. Vicepresidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto.
A vida foime agasallando con bos amigos e amigas de rexas personalidades. Con eles fun tecendo organizacións culturais transversais. Movimos os marcos dos limitados espazos de uso do galego para constituirmos unha agra aberta, que acollese a diversidade do noso patrimonio identitario. Afortunadamente algúns seguen vivos. Outros, sen embargo, xa faleceron. Pero deixaron un ronsel de galeguismo integrador con achegas innovadoras que teñen un valor inestimable.
Estes son algúns deses inesquecibles amigos. Velaí están os exemplos dos maxistrados Claudio Movilla Álvarez, Daniel García Ramos e Orencio Pérez González, alicerces da presenza da lingua galega no ámbito xudicial. Outra persoa senlleira foi o notario Victorino Gutiérrez Aller, autor dunha inxente cantidade de protocolos notariais en galego desde tempos da proscrición da lingua. Fundamental foi tamén a vontade galeguizadora de Ramón Castromil Ventureira, que nos permitíu recuperar e anovar o discurso galeguista que ten na historia de Galicia figuras sobranceiras. Continuador desa linea galeguista foi o pedagogo Xosé Manuel Rodríguez-Abella. Sen o esforzo de todos eles Galicia sería menos galega do que hoxe é. Partillamos con todos eles ilusións e proxectos innovadores.
O próximo día 13 de decembro a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingúística, renderá unha sentida e merecida homenaxe a Xosé M.Rodríguez-Abella, que foi membro activo do transversal proceso de normalización Lingüística. Será no Teatro Principal de Santiago de Compostela coa proxección dun documental alusivo ao seu percurso biográfico: “Xosé Manuel Rodríguez-Abella, a intelixencia educadora”, dirixido por Carme P. Vaquero e producido por Pío Garcia, cos patrocinios do Concello de Santiago e Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Hai nomes propios que están asociados para sempre ás historias das cidades. No caso de Santiago de Compostela, o do alcalde Xerardo Estévez. Porque modernizou e custodiou con mimo o patrimonio da histórica cidade. A carón del, como funcionario colaborador de excepcional imaxinación, estivo Xosé Manuel Rodríguez-Abella, dirixindo o Departamento de Educación máis dinámico e de proxección internacional dos que houbo no noso país. Participiou activamente na creación e nos foros promovidos polo movemento de cidades educadoras e moitos países que quixeron artellar unha pedagoxía nova para acadaren a cohesión social dos seus cidadáns, e a posta en valor das súas potencialidades.
Xosé Manuel Rodíguez-Abella aportou desde o Departamento de Educación un maxisterio que reivindicaba para os cidadáns o coñecemento da súas orixes e a consolidación dunha comunidade educativa participativa na reconstrución da identidade histórica. Foi fonte torrenteira de iniciativas ao tempo no que tamén se artellaban as institucións autonómicas. No documental antedito, compañeiros seus naqueles anos nos que a ilusión creara a súa propia atmosfera, recoñecen o pulo creativo do noso amigo Xosé Manuel. O propio alcalde, Xerardo Estévez, ten un emocionado recordo para un dos seus cualificados colaboradores.
Da súa primorosa emotividade galeguista deixou mostra na manda testamentaria dirixida aos seus fillos, publicada no libro “En galego, agora e sempre” (extracto un parágrafo): “Sara e Marcos, queridos fillos, mentres puiden quixen darvos cariño que vos alimentase para o resto das vosas vidas. Agora quero deixarvos unha dote que non é pequena, un lugar e unhas palabras; ou as dúas cousas xuntas:as palabras do lugar ou lugar das palabras. Quero darvos a esperanza de vivir nun lugar que mereza ser habitado, un pais digno, libre e orgulloso. Toda palabra se é querida, é humilde e poderosa. As nosas, ademais, son as nosas. Foron miñas e agora son vosas”. A súa compañeira de vida, e tamén técnica do Departamento de Educación, Beatriz Varela, vela polo seu cumprimento. Mantermos encesa a súa memoria é unha responsabilidade para acadarmos un futuro mellor.
*Directivo da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.
Outros ártigos de Xosé González
A opinión de Xosé González: “Premios Bacelos de Prata 2024”
Xosé González: “Vertebrar o país. A lingua nas empresas”
A opinión de Xosé González: ”O himno galego nas celebracións litúrxicas”
A opinión de Xosé González: ”Os emigrantes galegos en Catalunya premian a unha arraiana de Goián”
A opinión de Xosé González: ” Homenaxe ao doutor Sixto Seco”
A opinión de Xosé González: ” Os premios Peña Novo no castelo de Soutomaior “
A opinión de Xosé González: ”Couto Mixto, unha República rescatada “
A opinión de Xosé González: ”A XV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega”
A opinión de Xosé González: ”A irmandade da sanidade galega homenaxea ao doutor Carlos Guitián”
A opinión de Xosé González: ” Embutidos Lalinense, un exemplo de galeguización empresarial “
A opinión de Xosé González: ” As mentiras do relato da transición democrática”
A opinión de Xosé González: ” Para Sermos Máis Nós”
A opinión de Xosé González: ” Precursores da conciencia galega”
A opinión de Xosé González: “Galeguización dos Concellos”
A opinión de Xosé González: “dous reitores compartiron ilusións para transformaren a Usc”
A opinión de Xosé González: “no pasamento dun amigo de meu”
Xosé González: “Os montes veciñais en man común “
Xosé González: “acto de homenaxe ao reitor Rodriguez Cadarso en Lubián”
Na Limia en Galego, Agora e Sempre
A opinión de Xosé González: “Na memoria de Domingo Lorenzo en Barcia de Mera”
A opinión de Xosé González: ” A identidade lingüística dos defuntos”
A opinión de Xosé González: ” Sumar Navantia”
A opinión de Xosé González: ” Homenaxe a don Ramón Castromil”
A opinión de Xosé González: “Premios á Etiquetaxe en Lingua Galega”
A opinión de Xosé González: “O plurilingüísmo do estado español”
A opinión de Xosé González: “Xuíces honorarios do Couto Mixto 2023”
A opinión de Xosé González Martínez: “Premios Peña Novo”
A opinión de Xosé González Martínez: “Levar o Estatuto de Autonomía ás empresas “
A opinión de Xosé González Martínez: “XIV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega”