A opinión de Xosé González: ” As mentiras do relato da transición democrática”

Xosé González Martínez: Secretario da Irmandade Xurídica Galega e Presidente Foro E. Peinador. Vicepresidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto.


Oscar Alzaga ,que foi deputado da UCD, é autor dun libro titulado “La conquista de la transición, 1960-1978)”, no que narra curiosas vicisitudes política daqueles anos tan convulsos. Foi un período histórico nos que os desmáns  protagonizados pola Brigada Política-Social encargada de reprimir á oposición provocaron centos de mortos a mans das forzas represivas e organizacións parapoliciais.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ao respecto hai algunha bibliografía merecente de ser consultada. Por exemplo, o libro de  Pablo Alcántara  “La secreta de Franco”, no que se relatan migalleiramente os método empregadas cos detidos para tirarlles confesión con aberrantes torturas. Antonio Batista noutra obra, “La Brigada Social”, abunda nos mesmos relatos, centrándose na figura dun daqueles asañudos torturadores, Antonio Juan Creix. Na miña biblioteca hai dúas autobiografías que non tiveron apenas divulgación, porque son autoedicións de dous cualificadores represores: “José Ramón Piñeiro.Comisario General Brigada Político Social”, e “Testimonios de un policía español”, de José Sainz Gonzalez. A  lectura dos seus desvergonzados relatos producen arrepíos.

Os que militamos na oposición tivemos a desgraza de padecer os procedementos utilizados polos policias da chamada  “Brigada Político-Social”. Sicópatas os máis deles, que realizaban os seus sádicos labores case sempre baixo os efectos do moito alcol que consumían durante os longos interrogatorios aos detidos.

Oscar Alzaga di no seu libro que o ministro Martín Villar deu a orde de queimar millóns de documentos policiais sobre a sistemática represión da oposición democrática.  A desaparición deses atestados e informes policiais serían de moita utilidade para coñecer a violencia desatada con tal impugnidade, afirmando que “ somos o único país de Europa onde se cometeu tal barbaridade. Os informes da policía política da Alemania Nacional Socialista, da Italia fascista, do  Portugal salazarista ou da Grecia con ditadura militar…conserváronse”.

Eu teño fundadas conviccións de que moitos deses expedientes policiais non foron queimados; foron substraidos das comisarías e cuarteis da Garda Civil por moitos daqueles nefastos axentes da represión, que quixeron gardalos para utilizalos segundo os intereses de cada momento. Moitos deses documentos servíronlles ás bandas parapoliciais   para elaborar relacións amplísimas de persoas ás que deter e fusilar caso de ter triunfado o golpe militar do 23-F, enre os que figuraba eu.

O meu caso, coma outros, serve de exemplo.  Gerardo González Martín,á sazón correspondente de El Pais, publicaba neste medio unha peza correspondente á edición do 20 de outubro de 1977 na que dicía: “Un vecino de vigo, Xosé González, denunciou nun xulgado de Guardia de Vigo a dous policías por abuso de autoridade, ao teren rebasado o límite da fronteiras con Portugal, procedendo a súa detención por pesar sobre el unha  orde de busca e captura ditada en agosto de 1975”, cando esta deixara de ter efecto por mor da lei de amnistia de 1976.

Un día recibín  a visita dun vello amigo, a quen lle perdera a pista habia anos, e do que ignoraba que fose garda civil, integrado ademais no Sindicato Clandestino de dito corpo policial. Púxome ao tanto de que o capitán do Servizo de Información da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, dirixía un grupo de picoletos dedicados a fustigarme. Axiña me decatei de que os que me chamaban por teléfono a calquera hora da madrugada para ameazarme con matarme eran eles,os mesmos que tamén forzaron as porta do meu automóbil en dúas ocasións deixando ciscando no chan a documentación do mesmo. Coa mesma teimosía actuaban algúns membros da Brigada Político-Social da Comisaría de Vigo, os mesmos que en agosto de 1975 estando detido naquelas dependencias leváronme á praia de Alcabre para faceren un amago de “paseo” empuñando as súas pistolas, xa que coas súas torturas non me quitaran ningunha información

A primeira semana de maio de 1984 fun detido co mesmo argumento da orde de busca e captura nun céntrico hotel de Barcelona, cidade á que acudín para pronunciar unha conferencia na Escola de Administració Pública de Catalunya. A intervención de Virginio Fuentes, Gobernador Civil de Pontevedra, fora decisiva para a miña liberación. Días depois déulle orde ao comisario-xefe de policía, Jorge Mosquera, para darme explicacións do acontecido, que non foron do meu agrado. O exalcalde  de Redondela de entón estivo presente na reunión e el,que está vivo, pode dicir como interroguei a aquel torturador.

O relato histórico da chamada transición política foi edulcodorado presentándoo como modélico. Non é certo, porque houbo moitos asasinatos a mans das forza de seguridade e grupos parapoliciais. Un bo amigo de meu,comisario de policía,da década dos anos noventa, demócrata e galeguista, estivo nun tris de morrer por un paquete-bomba que lle enviaran os policías corruptos da comisaria;  a desconfianza salvoulle a vida.

* Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.


Curriculum de Xosé González Martínez

Dende 1979 foi funcionario da administración local, primeiro en Redondela, onde estivo 20 anos no Servizo de Normalización Lingüística do concello, e despois na mancomunidade da Área intermunicipal de Vigo onde foi director do Servizo de Normalización Lingüística.

Foi director da Revista de Administración Galega, subdirector da revista Lingua e Dereito que edita a Universidade de Vigo. É presidente da Fundación dos Premios da Crítica Galicia, secretario da Asociación de Amigos de Couto Mixto, fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Asociación de Xuristas en galego. Foi un dos creadores do Premio Blanco Amor. É impulsor da Fundación Galicia Empresa e da Fundación Lois Peña Novo (sendo o actual Presidente), e presidente do Foro Enrique Peinador. Colaborador en prensa (Faro de Vigo) e radio (Radio Galega) e da Enciclopedia Galega Universal. Foi o tradutor ao galego dos Códigos Penal e Civil e de moita outra literatura xurídica.


Outros ártigos de Xosé González

A opinión de Xosé González: ” Para Sermos Máis Nós”

A opinión de Xosé González: ” Precursores da conciencia galega”

A opinión de Xosé González: “Galeguización dos Concellos”

A opinión de Xosé González: “dous reitores compartiron ilusións para transformaren a Usc”

A opinión de Xosé González: “no pasamento dun amigo de meu”

Xosé González: “Os montes veciñais en man común “

Xosé González: “acto de homenaxe ao reitor Rodriguez Cadarso en Lubián”

Na Limia en Galego, Agora e Sempre

A opinión de Xosé González: “Na memoria de Domingo Lorenzo en Barcia de Mera”

A opinión de Xosé González: ” A identidade lingüística dos defuntos”

A opinión de Xosé González: ” Sumar Navantia”

A opinión de Xosé González: ” Homenaxe a don Ramón Castromil”

A opinión de Xosé González: “Premios á Etiquetaxe en Lingua Galega”

A opinión de Xosé González: “O plurilingüísmo do estado español”

NO DÍA DA PATRIA GALEGA

A opinión de Xosé González: “Xuíces honorarios do Couto Mixto 2023”

A opinión de Xosé González Martínez: “Premios Peña Novo”

A opinión de Xosé González Martínez: “Levar o Estatuto de Autonomía ás empresas “

A opinión de Xosé González Martínez: “XIV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega”