En galego, agora e sempre.
Xosé González Martínez: Secretario da Irmandade Xurídica Galega e Presidente Foro E. Peinador. Vicepresidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto.

Vale máis un coro que un deputado en Madrid, dixera arrufadamente un destacado membro das Irmandades da Fala pouco despois da súa fundación. Por esta razón aquela asociación de defensores da lingua, da cultura e das tradicións galegas fundara agrupacións como Cantigas e Agarimos, Toxos e Flores… e Agarimos da Terra formados por traballadoras e traballadores do Balneario de Mondariz, rexentado con gran éxito empresarial por D. Enrique Peinador Línes, un galeguista, por certo, rescatado da frouma da historia polo foro empresarial que leva o seu propio nome: Foro Enrique Peinador.
Certamente, hoxe non poderiamos utilizar aquela expresión irmandiña, porque daquela os deputados elixidos representaban a Galicia no Congreso en Madrid; hoxe temos Parlamento propio. Pero miren vostedes por onde, hoxe poderiamos facer unha afirmación semellante afirmando que un coro fai máis pola lingua galega que moitas obras literarias cuxos exemplares amoreanse en grandes cantidades nos almacéns das editoriais. Para mostra un botón: os concertos da agrupación musical Treixadura fan máis pola cultura galega cos seus concertos multitudinarios, aos que acoden públicos que van desde os tres aos cen anos, que esas inxentes obras literarias. Treixadura provoca emocións, os textos literarios son indiferentes a ella.
A Treixadura pertenceu o orfeonista Domingo Lorenzo aportando a súa voz de barítono, ben modulada e disciplinada nesa corda. Pero amais da súa potente voz, Domingo tivo unha actitude que é merecente de recoñecemento e gratitude por todos os que sabemos que o patrimonio musical galego é dos máis ricos da península ibérica. Grazas ao seu entusiasmo formou grupos que contribuiron a arrequecer o noso cancioneiro popular e a difundilo entre as novas xeracións. Domingo Lorenzo, que eu saiba, non escribíu ningunha novela, pero fixo moitisimo máis que eses creadores literarios, porque imprimíu na memoria de moitas xeracións o amor polo noso, folclore e lingua. Velaí están, por exemplo o grupo mondarizán “Pedraquetiña”, “Abeleiras de Alxán”, de Soutomaior, formado por máis de corenta voces, maioritariamente femininas e a súa contribución ao rexurdimento de “Agarimos da Terra” despois da súa desaparición durante moitas décadas.
A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) que se inxire dentro do colectivo Galeguizar Galicia (www.galeguizargalicia.gal) promove desde hai anos a inciativa “En galego, agora e sempre” con celebracións denominadas “Día da Restauración da Memoria Lingüística”; este ano tirou do fío da música tradicional sempre viva grazas a moitos instrumentistas para evitar que homes e mulleres, que coas gaitas, bombos, pandereitas e demáis instrumentos tradicionais e as súas voces, logo de dedicárenlle anos das súas vidas ao fomento da música galega, cando falecen sigan soterrándose inxustamente baixo unha lápida en castelán. Os cemiterios, que son depósitos da memoria colectiva, deben rexistrar lápidas con lendas alusivas ao labor desenvolvido a prol da comunidade parroquial por cada un dos falecidos.
O próximo sábado, día 11 de novembro, coa inestimable colaboración do concello de Covelo e o entusiasmo do seu alcalde, Pablo Castillo Amigo, celebraremos no cemiterio de Barcia de Mera, un acto de dignificación da memoria coa colocación da lápida en galego de Domingo Lorenzo, así como unha placa na porta de entrada, semellante ás moitísimas que temos colocadas noutros camposantos, coa seguinte lenda: “Na memoria de todas as persoas que xacen aquí, porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”.
Reiteramos o noso agradecemento aos concellos e entidades veciñais, cada vez máis, que colaboran nestas celebracións. Tal é o caso do acto previsto no Concello de Maceda (Ourense) programado para o día 12 de novembro ás 13:00 horas ou aqueloutros xa realizados ou pendentes de realización.
* Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.
Curriculum de Xosé González Martínez
Dende 1979 foi funcionario da administración local, primeiro en Redondela, onde estivo 20 anos no Servizo de Normalización Lingüística do concello, e despois na mancomunidade da Área intermunicipal de Vigo onde foi director do Servizo de Normalización Lingüística.
Foi director da Revista de Administración Galega, subdirector da revista Lingua e Dereito que edita a Universidade de Vigo. É presidente da Fundación dos Premios da Crítica Galicia, secretario da Asociación de Amigos de Couto Mixto, fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Asociación de Xuristas en galego. Foi un dos creadores do Premio Blanco Amor. É impulsor da Fundación Galicia Empresa e da Fundación Lois Peña Novo (sendo o actual Presidente), e presidente do Foro Enrique Peinador. Colaborador en prensa (Faro de Vigo) e radio (Radio Galega) e da Enciclopedia Galega Universal. Foi o tradutor ao galego dos Códigos Penal e Civil e de moita outra literatura xurídica.
Outros ártigos de Xosé González
A opinión de Xosé González: ” A identidade lingüística dos defuntos”
A opinión de Xosé González: ” Sumar Navantia”
A opinión de Xosé González: ” Homenaxe a don Ramón Castromil”
A opinión de Xosé González: “Premios á Etiquetaxe en Lingua Galega”
A opinión de Xosé González: “O plurilingüísmo do estado español”
A opinión de Xosé González: “Xuíces honorarios do Couto Mixto 2023”
A opinión de Xosé González Martínez: “Premios Peña Novo”
A opinión de Xosé González Martínez: “Levar o Estatuto de Autonomía ás empresas “
A opinión de Xosé González Martínez: “XIV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega”