Araújo pide que as autovías e estradas secundarias sigan sendo gratuítas

O portavoz de Cidadáns no Concello de Ourense mostra o seu rexeitamento a que se estableza o pago dunha peaxe por consideralo “inxusto e altamente prexudicial para a poboación que xa está asfixiada economicamente”

O portavoz de Cidadáns en Ourense, Pepe Araújo, pedirá no Pleno, vía moción, que o Estado manteña o carácter gratuíto das autovías e das estradas secundarias, tal como pretende o Goberno de España na súa proposta enviada a Bruxelas, por consideralo “inxusto e altamente prexudicial para á poboación, que xa se atopa asfixiada economicamente”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Araújo lembrou que “nos atopamos nun momento moi complicado coa maior subida de prezos en todas as subministracións; luz, auga, gas e estamos a saír dunha crise sanitaria que deixa secuelas económicas e sociais polo que non podemos consentir que o Executivo de Pedro Sánchez impoña un novo imposto encuberto”.

Neste sentido, o portavoz de Cs insistiu en que unha subida “indiscriminada de impostos sería un lastre para a recuperación económica xa que danaría aínda máis á clase traballadora que necesita desprazarse ao seu lugar de traballo e tamén restaría competitividade ao tecido industrial”.

Así mesmo, reiterou que a implantación dunha peaxe para circular polas autovías, de maior capacidade e seguridade, supoñería un incremento do uso de estradas secundarias que teñen “menor capacidade e son máis perigosas” ademais de que elevaría o custo do mantemento ao goberno autonómico.

Finalmente, Araújo lembrou que as autovías xa foron pagadas polos cidadáns a través da recadación dos seus impostos.