Manuel Baltar: “Desde mañá temos moito traballo cunha misión importantísima: recuperar o goberno da nación”

O presidente do PP de Ourense exercerá en Sevilla a súa nova responsabilidade como membro do Comité Executivo Nacional do Partido Popular: “É unha honra formar parte do equipo de Alberto Núñez Feijóo”

·      Expresou a súa satisfacción pola “práctica unanimidade” que suscitou entre os compromisarios a candidatura “dun ourensán que presidirá a forza política máis importante de España e que, co traballo de todos, será presidente do goberno”

AVANTAR ACTIVIDADES

·      Este congreso deixa dúas grandes noticias: “un ourensán presidente do partido, e o presidente do partido en Ourense formando parte do Comité Executivo”

O presidente do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, exercerá desde mañá domingo a súa nova responsabilidade como membro do Comité Executivo Nacional do PP, que ten previsto reunirse por primeira vez tamén en Sevilla, onde o plenario do XX Congreso Nacional Extraordinario dos populares proclamou como presidente a Alberto Núñez Feijóo, co 98,35 % de apoio.

Sen deixar de expresar a súa “gran ilusión” por esta nova etapa, Manuel Baltar destacou que “desde mañá temos moito traballo por diante cunha misión importantísima: recuperar o goberno da nación”. Pero non só iso, advertiu, senón facer de España “unha nación respectada, mellorar os servizos públicos, recuperar a economía… Todo o que fai sempre o Partido Popular cando os españois lle entregan a súa confianza”

Manuel Baltar expresou a súa satisfacción pola “práctica unanimidade” que suscitou entre os compromisarios a candidatura “dun ourensán que presidirá a forza política máis importante de España e que, co traballo de todos, será presidente do goberno”.

Para Baltar “é unha honra formar parte do seu equipo elixíndome para entrar no Comité Executivo Nacional, a primeira vez que un presidente dos populares de Ourense forma parte deste órgano máis executivo do partido”, cuxa función é goberno e administración do partido entre congresos.

Este congreso, concluíu, deixa dúas grandes noticias: “un ourensán presidente do partido, e o presidente do partido en Ourense formando parte do Comité Executivo”.