Xosé González Martínez: Secretario da Irmandade Xurídica Galega e Presidente Foro E. Peinador. Vicepresidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto.
O día 25 de xullo trae ao meu maxín vellas lembranzas do comezo das primeiras convocatorias do Día da Patria Galega en tempos da ditadura franquista, e dos inicios da miña militancia no galeguismo, que ten unha data: o 25 de xullo de 1965 na chamada Misa de Rosalía celebrada en San Domingos de Bonaval. Foi a primeira vez que tal acto litúrxico se realizaba en lingua galega na historia de Galicia. Ali estiven de axudante do Padre Seixas, que oficiaba o acto litúrxico. A partir de entón a miña militancia nacionalista na defensa da identidade galega foi multiplicándose sucesivamente en múltiples e variadas actividades sen desmaio. Toquei todos os paus, coma quen di, Asumín a dirección da UPG coa dobre tarefa de artellar unha estratexia política que definise o nacionalismo daqueles anos, e a organización de múltiples estruturas organizativas. Mesmo deseñei a bandeira galega coa estrela vermella hoxe tan popularizada para darlle á ANPG un símbolo identificador.
Consolidada a celebración do Día da Patria Galega, pasados os anos, a reflexión que hoxe cómpre facer é se todos e todas as que participan nela son consecuentes na vida cotiá coa filosofía que a inspira. A primeira pregunta que nos deberiamos facer é se hai correlación entre a representación política nas institucións e o incremento da conciencia nacional na cidadanía. A miña experiencia de moitos anos de activismo a prol da reconstrución da identidade nacional afírmame no aserto de que o proceso está a ser excesivamente lento.
As estatísticas confirman o aserto: hai amplos sectores sociais entregados sumisamente ás políticas asimilacionistas que minorizan a nosa lingua. E isto acontece por moitas causas.Porque as responsabilidades están moi repartidas. As chamadas clases cultas, por exemplo, practican un autosuicidio que xa observaba Peña Novo en 1921 cando afirmaba que “eses homes cultos cando non teñen unha cultura nacional considéranse desleigados do seu pobo, superiores ao seu pobo, e convértense en elementos disociadores. Teñen medo a manifestárense galegos; galegos na lingua, galegos na arte, galegos na política, galegos en todas as afirmacións da nosa vida individual e colectiva. Medo a seren, nunha palabra, demasiados galegos. Todo o noso parécelles vulgar, e todo o alleo seméllales dintinguido e superior”. Ortega y Gasset ao constatar este comportamento referíase a Galicia como un pobo de almas rendidas.
Deste andazo non se libran as lexións de licenciados das universidades galegas que pasan despois do proceso formativo a desempeñaren funcións directivas en administracións públicas e empresas privadas. Voluntariamente constitúense en freos para a reconstrución da identidade agredida desde tempos pretéritos, malia a existencia dun ordenamento xurídico vixente que a protexe, obviándoo con incomprensible teimosía.
Tamén a creba da transmisión oral da lingua de pais a fillos é evidente; os ensinantes fracasaron como pedagogos e os partidos políticos e sindicatos, agás algúns acenos rituais, pouca constancia teñen demostrado para artellar unha pedagoxía regaleguizadora da sociedade alén das proclamas electorais. As administracións públicas que teñen a obriga de fomentar o patrimonio cultural de noso non todas poñen o mesmo empeño no cumprimento das obrigas legais. Non teñen programacións acomodadas a cadansúa circunstancia para afortalaren o sentemento de galeguidade na poboación, erradicando comportamentos diglósicos, e alentando maiores doses de autoestima polo noso.
A celebración do 25 de xullo (para uns Día da Patria Galega e para outros Día de Galicia) ten un denominador común: a exaltación dos nosos valores patrimoniais. Proliferan as proclamas partidarias e evítase o maxisterio galeguizador que forneza ao pobo de argumentos sólidos e eficaces para acadarmos a tan necesaria cohesión cultural e maior autoestima.
Estamos a tempo de reconducir esta deriva, porque no país aínda hai moita antropoloxía viva, que o único que require son grandes dóses de imaxinación para o seu afortalamento. Galicia precisa de galeguistas auténticos, que o sexan todos os días do ano e a todas as horas; non a tempo parcial, que é o mesmo que calificalos de galeguistas medio pensionistas.
Curriculum de Xosé González Martínez
Dende 1979 foi funcionario da administración local, primeiro en Redondela, onde estivo 20 anos no Servizo de Normalización Lingüística do concello, e despois na mancomunidade da Área intermunicipal de Vigo onde foi director do Servizo de Normalización Lingüística.
Foi director da Revista de Administración Galega, subdirector da revista Lingua e Dereito que edita a Universidade de Vigo. É presidente da Fundación dos Premios da Crítica Galicia, secretario da Asociación de Amigos de Couto Mixto, fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Asociación de Xuristas en galego. Foi un dos creadores do Premio Blanco Amor. É impulsor da Fundación Galicia Empresa e da Fundación Lois Peña Novo (sendo o actual Presidente), e presidente do Foro Enrique Peinador. Colaborador en prensa (Faro de Vigo) e radio (Radio Galega) e da Enciclopedia Galega Universal. Foi o tradutor ao galego dos Códigos Penal e Civil e de moita outra literatura xurídica.
Outros ártigos de Xosé González
A opinión de Xosé González: “Xuíces honorarios do Couto Mixto 2023”
A opinión de Xosé González Martínez: “Premios Peña Novo”
A opinión de Xosé González Martínez: “Levar o Estatuto de Autonomía ás empresas “
A opinión de Xosé González Martínez: “XIV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega”