Carballeda de Avia avanza no seu proxecto comunitario e de emprendemento para a aldea de Muimenta

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou hoxe a aldea de Muimenta para poñer en valor o inicio do programa ‘Muimenta Viva’, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Concello de Carballeda de Avia que busca activar os novos equipamentos comunitarios da aldea e avanzar cara a un modelo público innovador de emprendemento e dinamización territorial no rural galego.

Durante a visita, na que estivo acompañada por Luis Milia, o alcalde de Carballeda de Avia, Marta Mariño sinalou que o proxecto permitirá aproveitar espazos como a Praza da Festa, a cociña comunitaria, a vivenda pública e o novo centro social para xerar novas actividades que reforcen a vida comunitaria e atraian oportunidades ao territorio, favorecendo a creación de redes de colaboración entre os diferentes axentes locais.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Ademais, explicou que a iniciativa arranca coa incorporación dunha persoa que desenvolverá unha estadía de seis meses en Muimenta para coordinar as actividades previstas, fortalecer a relación coa comunidade e contribuír á dinamización da aldea. Tamén avanzou que ata decembro de 2026 se desenvolverá un amplo programa de actividades, encontros participativos e residencias temporais de carácter creativo e profesional. Con isto, a directora xeral explicou que a idea é que cada vez máis persoas vexan o rural como un lugar onde vivir, traballar e desenvolver os seus proxectos, tendo en conta os novos contextos de mobilidade laboral, e demostrando as oportunidades que ten o rural galego.

A xornada tamén contou coa participación de representantes da Fundación RIA e de Sende e Anceu Coliving, entidades colaboradoras na iniciativa.

Emprendemento ligado ao territorio

Marta Mariño subliñou que ‘Muimenta Viva’ exemplifica o modelo de desenvolvemento rural polo que aposta a Xunta, baseado na colaboración, a innovación e a creación de oportunidades vinculadas ao territorio, e enmarcou a iniciativa na Estratexia de emprendemento ligado ao territorio que o Goberno galego está a ultimar xunto cos distintos axentes do ecosistema emprendedor. Neste contexto, lembrou o papel da Rede Ultreia, que xa conta con máis de 140 entidades adheridas, como unha ferramenta clave para compartir recursos, xerar sinerxías e reforzar o apoio ao emprendemento en toda Galicia.

Así mesmo, puxo en valor que esta iniciativa dá continuidade a outras experiencias pioneiras como Fixar, promovida xunto coa Asociación Cultural Sende e integrada polos espazos de Sende, en Lobeira; Anceu Coliving, en Ponte Caldelas; e iSlow, en Laxe, que conta cunha nova edición en marcha para continuar atraendo nómades dixitais ao rural galego.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------