“Lúas do setembro” é a primeira película de documentación histórica elaborada con Intelixencia Artificial (IA) na que se recollen episodios relevantes do acontecer da vila do Arenteiro e a súa contorna na primeira metade do século XIX. O seu autor, Carlos Montes, historiador carballiñés do Centro de Estudios Chamoso Lamas, desenvolveu un inxente traballo, xa que deseñou o guión, a montaxe e incluso puxo a banda sonora a este filme de 110 minutos no que se resume parte da serie audiovisual que él mesmo artellara -tamén con IA- e presentara e compartira no canal ‘Historia do Carballiño’ de Youtube a partir do pasado mes de marzo.
A presentación desta longametraxe tivo lugar esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello do Carballiño, coa presenza do propio Carlos Montes e do concelleiro de Cultura, Diego Fernández. “Hoxe é un día moi importante para a nosa vila, xa que podemos presentar esta película que xurde despois do gran éxito acadado pola serie documental de Carlos Montes sobre a historia do Carballiño”, manifestou o edil.
Unha película que, anunciou Fernández, “proxectarase o vindeiro domingo, día 28, no Auditorio Manuel María, ás oito da tarde e con entrada totalmente libre e de balde”. O concelleiro de Cultura agradeceu “a colaboración neste proxecto de Rogelio González, ‘Escaleira’, sempre implicado coa cultura do Carballiño”.
Carlos Montes expresou, pola súa banda, que “ademais do orgullo que é para min facer unha película sobre a miña novela, é de destacar que recolle tres anos, entre 1835 e 1838, con acontecementos históricos de gran relevancia, nos que se destaca a primeira Guerra Carlista e as batallas de Moldes e San Clodio, e o protagonismo, incluso a nivel de Estado, de persoeiros como Valentín Fernández, Tomás María Mosquera ou Eduardo Chao, entre outros”.
Asemade, o elenco actoral está integrado por medio cento de veciñas e veciños do mesmo Carballiño, “algún deles, descendente real deses persoeiros que se lembran na película”, apuntou Montes.
















