A opinión das veciñas e veciños: “Crónica de unha masacre: Oseira 1909”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Sin máis toques de cornetín ,

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

os cabalos galloparon por enriba da xente;

logo recuaron, sempre co tenientiño a carón,

botaron pe a terra e fixeron dúas descargas…

(Blanco Amor en Xente ao lonxe)

Neste texto novelado, pero realista de Blanco Amor, resúmese a carga do pelotón contra os labregos de Oseira. Pero desglosemos os feitos na súa totalidade, dentro das nosas posibilidades, e da suma complexidade e multilateralidade na que se manifestan as persoas e institucións.

Na época en que acontecen os feitos, os labregos, son o sector maioritario na Galiza, e están a sufrir un incremento brutal dos impostos, sendo  os avasalados. E, comezan a facer fronte a esta situación de opresión e submisión ao caciquismo, coa formación de multitude de sociedades labregas e obreiras por todo a xeografía galega. Sobresaíndo Solidariedade Galega, que está a dar os primeiros pasos. Moitos meses antes dos sucesos de Oseira instaurase na comarca un clima social de oposición ao ecónomo, Basalo, polos seus actos degradantes, impositivos e caciquís, fatos que obrigan aos labregos a tomar posición e protesto contra o ecónomo, o administrador de bens e dominios da igrexa na parroquia de Oseira. É fano dunha forma organizada, aínda que oficialmente non consten na zona ningún tipo de organización, como así sucede en concellos próximos como, O Carballiño onde está ativa unha sociedade de traballadores e agricultores desde 1897, no 1909 funciona outra de agricultores, oficiais e profesionais. Na mesma época en Boborás existen dúas sociedades agrarias. No 1907 en Punxín, hai un sindicato católico. Maside, un centro benéfico agrícola. Ourense ten multitude de sociedades. A situación opresiva que sofren os labregos, vai obrigalos a dotalos de organizacións propias para defender os seus intereses. En fin, estamos nunha loita inicial contra o caciquismo, os foros e un proceder dogmático por parte da igrexa capitaneado polo bispo Ilduain, o que xa tivera problemas en Ciudad Real e máis tarde vainos ter en Sevilla. Un clero que ten unha grande influencia ideolóxica sobre a poboación rural.

Cos precedentes sinalados aos que lles imos agregar o saqueo brutal do patrimonio dos pazos e mosteiros, o que acontece dunha forma despiadada no mosteiro de Oseira, vai obrigar aos veciños de Oseira a defender o mesmo. Pensemos que Oseira vai sufrir os roubos sistemáticos de moito do seu patrimonio, coa permisividade das autoridades tanto civís como eclesiásticas, cando non son elas mesmas as que realizan análogos atropelos. Vai ser neste caso, unha preciosa obra de arte, como é o baldaquín, a que faga saltar a móxica, nun ámbito reavivado polo caciquismo e o ecónomo, que incendia as conciencias, especialmente a dos camponeses de Oseira, e de toda a provincia de Ourense, rematando nunhas consecuencias funestas, coa morte de 9 persoas, o ferimento de 27, das que once están en estado severo.

Sobre o mes de outubro de 1908, cando o bispo Ilduain visita Oseira e ve o baldaquín, xa toma a decisión de desmantelalo. Chegan a Oseira as primeiras noticias de que o bispo Ilduain quere levar o baldaquino de Oseira, para outro lugar, barallando a igrexa de Santa Eufemia en Ourense, ou outra en Navarra de onde procede Ilduain. Tamén temos a versión da súa venda. Para desmontar e levarse o baldaquino vai inventarse a escusa de que o baldaquino esta ruinoso e é un perigo para os fregueses. Se está ruinoso para que se quere levar, perguntémonos? Se non representa nada arquitectonicamente, para que se quere levar? Nesta cuestión hai opinións enfrontadas, entre os que a consideran unha bela obra de arte e legado patrimonístico a defender e manter, e entre os que o pensan que é unha obra de mal gusto e ruín, sen validez arquitectónica. No primeiro grupo temos a Murguía ou Balsa, entre outros, no segundo ao arquitecto diocesano Gulías ou a comisión de monumentos históricos da provincia. Tamén opinan sobre el, entre outros, Aquilino Sánchez “ídolo dos fregueses” Vicente Risco “complicado baldaquín churrigueresco de madeira dourada” Jaime Solá “ aqueles anacos de madeiras podres que constaron tantas vidas”. A antropóloga inglesa Annette Meakin, que visita no 1908 o Mosteiro di do baldaquino “ o impoñente retablo churrigueresco detrás do altar maior esmorece melancólicamente e ofrece o mais deprimente espectáculo” E tamén pode influír o desprestixio con que se trata o barroco na época. Mas é obrigado non esquecer que os artistas que elaboran o baldaquino de Oseira, pertencen á escola barroca dos santiagueses que realizan o da catedral de Santiago. A día de hoxe, despois de tantos desacougos sabemos que o 80% das pezas do baldaquín permanecen no Mosteiro de Oseira, é están prontas para ser conservadas e restauradas. Penso que ben paga a pena.

Pasan sete meses desde outubro de 1908 ao 22 de abril de 1909 de enfrontamentos constantes. Reunión e propostas para solucionar a cuestión onde participan os alcaldes, médicos, xuíces, mandos militares, deputados… nas reunións celebras no Carballiño, Oseira, Ourense. Entre estas destacamos a propostas dos labregos de Oseira de pagar cos seus pecúnios o amaño do baldaquino, a reunión de unha delegación dos veciños co bispo de Ourense solicitándolle que non derrube o baldaquino, coa presentación dunha instancia para que suspenda o derribo, e a celebrada no Carballiño, onde entre outros participa Aquilino Sánchez, o gobernador civil, conde de Buena Esperanza. Tamén hai encontros co ecónomo de Oseira, Basalo, que a dicir dos veciños non fai máis que incendiar a situación chegando a recibir aos paisanos con unha escopeta e tendo que acabar fuxindo da parroquia. Poren, a atitude teimosa e inflexible do bispo Ilduain co apoio do gobernador civil, autoridades civís e eclesiásticas, nas que debía prevalecer a prudencia, rematan provocando a masacre de Oseira. Debemos ser conscientes, tamén, de que os feitos están penetrados por diferentes ideas; dun lado o sector progresista, representado polos labregos e as sociedades obreiras que os apoian e de outro o clero e a fidalguia.

As xestións realizadas polos veciños de Oseira non dan froitos e o día 21 de abril de 1909, sabedores os camponeses de que se ten dado a orde de desmoronar o baldaquino, custe o que custe, para o seguinte dia, 22 de abril. A nova vai de aldea en aldea, creando un estado de exasperación e desacougo, en todos os habitantes da comarca, que toman a decisión, desde ese momento, de encher a igrexa coa súa presencia para protexer o baldaquino. Na noite do 21 ao 22, a igrexa parroquial de Oseira atopase chea de veciños, maioritariamente mulleres e nenos para protexer o baldaquino. Veciños que van concorrer desde as diferentes aldeas, toda a noite, alumando as montañas da Martiña cos fachos e tocado as campás das diferentes parroquias. O periódico El Progreso fala de máis de 1000 persoas, que se concentran fóra e dentro do Mosteiro de Oseira.

O tenente Salinas chega a Cea o día 21 pola maña, onde é recibido polo sargento Antonio Ribero, pola tarde chegan o pelotón da Garda Civil nun ómnibus rupert. Salinas comenta que baixará o baldaquino, a calquera prezo, e que lle chega unha parella de garda civís con 150 cartuchos.

O día 22, xoves, ao mencer, ponse en marcha a sinistra cuadrilla de 19 números, cos mandos ao fronte e o oportuno avituallamento cargado en burros. Tamén acompaña ao séquito o secretario do xulgado municipal de Cea, Hilario García. Na aldea de Pieles, Salinas propón ao veciño de ese lugar, Xosé González Cibeira, e ao secretario que se adiante e falen cos veciños para convencelos de que deixen baixar o baldaquino. Os veciños, reunidos en asambleia na praza do mosteiro, rexeitan tal oferta e unha comisión deles sae ao encontro de Salinas para comunicarlle que están defendendo as tradicións dos seus maiores, que non van tolerar a entrada dos carpinteiros, nen que se magoen os seus sentimentos, nen permitir que se leve o baldaquino.

Cando a tropa arriba a praza do mosteiro, observan que a mesma está ateigada de persoas, con moitas mulleres e nenos, outrossim de homes. As mulleres, coa clara idea de impedir a entrada na igrexa onde esta o baldaquino, apíñanse nun cordón e lanzan cantos en defensa do baldaquino e contra o seu derrube.

A tropa esgrime a espada para atemorizar as persoas concentradas, solicitándolle que abandonen a praza e desaloxen a igrexa para que poidan entrar os carpinteiros. A resposta dos concentrados: “nós non nos metemos con vós, pero non imos permitir que se derrube o altar, gloria de Oseira” . Os veciños, ante a petición dos carpinteiros por ver o baldaquino aceden a mesma e entran sen ferramentas na igrexa. Entón danse conta da situación e solicitan a Salinas o seu regreso a Ourense, logrando, a pesar da grande resistencia de Salinas a permitilo. Nesta primeira intentona, as forzas armadas, non acadan o alvo de que as persoas presentes na igrexa e no adro, abandonen os lugares. 

Salinas retira as súas tropas do lugar para xantar, mentres os veciños queiman, na praza, as madeiras da estada co que se pretendía retirar o baldaquino. De súpeto, aparecen as tropas e o tenente comunícalles que van abrir fogo. E amplas descargas brotan dos mauseres segando a vida de moitas das persoas ali presentes e ferindo a máis de 27, das que se ten noticia, sen desbotar que puideran ser moitas máis. Os disparos proceden das fiestras da igrexa, das balcoadas e da porta da igrexa. O primeiro disparo é realizado polo tenente Salinas. No momento da descarga, contan os periódicos da época, que un crego de nome Marnotes, de xeonllos, solicita que cese a cruenta descarga. Os labregos despavoridos tratan de fuxir das descargas, algúns atenden aos feridos. Sete cadáveres quedan sobre as lousas da igrexa e da súa porta, outros dous feridos de gravidade morren máis tarde. Entre eles, a nena de 12 anos, que está acurrunchada nun dos vértices do lintel da porta interior, mentres os gardas toman a igrexa e o adro. Non hai feridos entre os gardas, e os veciños non teñen armas, como se tiña dito por parte das autoridades, a non ser que consideremos como armas, paus e instrumentos de labranza. En fin, inocuos.

As noticias do masacre chegan ás tres da tarde a Cea, onde hai gran concorrencia de persoas por ser día de feira, moitas delas son dos lugares de Oseira. Estas tornan rapidamente a Oseira para coñecer do suceso e ver se algúns veciños ou familiares están afectados. Durante a feira abrollan tremendas protestas contra o bispo e gobernador civil.

Aos masacrados realízaselles unha exploración médica, para determinar as causas das mortes, e son enterrado aceleradamente, sen permitir a presenza de familiares ou amigos. O que amosa, unha vez máis o desprezo e brutalidades con que son tratados o veciños de Oseira.

(continuará)

Nota. O texto está elaborado a partir da información dos periódicos da época

Manuel Vázquez

Presidente Asociación da Memoria da Castela Galega

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------