O CIM do Carballiño asesora, axuda e tramita a documentación precisa a todas as mulleres da comarca

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Centro de Información á Muller (CIM) do Carballiño é unha das 17 seccións que posúen os concellos da provincia e que prestan asistencia social ás mulleres. Este departamento integrado na Concellería de Sanidade, Servizos Sociais e Muller recibíu esta mañá a visita do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, que foi recibido pola concelleira delegada desta área municipal, Silvia Baranda, que estivo acompañada polas edís de Educación, Lorena Castro, e Comercio e Emprego, Diana González.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Un CIM que, según apuntou a propia Silvia Baranda, “está formado por un equipo de persoas que non só atende á mulleres do noso concello, senón tamén ás de toda a comarca”. Tramitación de documentos, asesoramento e axuda son as tarefas principais do persoal do centro, que tamén actúa como primeiro punto de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero.

Unha laboura que tamén foi destacada polo delegado, Manuel Pardo, subliñando que “estes servizos públicos son fundamentais no eido da promoción da igualdade e na prevención e tratamento da violencia de xénero, que dependen dos concellos e que contan co apoio económico da Administración autonómica”.

O CIM do Carballiño, que dá cobertura aos nove concellos da comarca, percibiu unha achega de máis de 45.000 euros da Consellería de Política Social e Igualdade no pasado exercicio de 2025. O delegado, Mnauel Pardo, lembrou que a Xunta ten aberto o prazo dunha nova orde desta axudas dotada de máis de 5 millóns de euros ata o vindeiro 13 de xullo, para financiar os gastos de persoal que teñen os 84 CIM que existen hoxe en día en Galicia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------