O Carballiño celebra mañá o seu Entroido de Verán e convida a facer deporte o domingo na II Carreira do Pulpo

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Esta fin de semana O Carballiño acollerá dúas das citas máis destacadas da súa programación estival, combinando festa e deporte coa celebración do ‘Entroido de Verán’, mañá, sábado 11 de xullo, e da II Carreira do Pulpo, o vindeiro domingo 12.

A primeira das grandes citas chega mañá coa celebración do ‘Entroido de Verán’, un evento que continúa consolidándose como unha das festas máis concorridas do calendario local e que volverá encher as rúas de música, animación e centos de participantes chegados de distintos puntos da provincia.

O desfile dará comezo ás 20,00 horas desde a Veracruz e percorrerá as principais rúas da vila ata rematar na Praza Maior. Nesta edición participarán Batucabra, Amigos de Partovia, Os Azucados de Maside, Os Parrandas do Irixo, Os Rexoubeiros, Arrieros de Dadín, Os Picapezas de Cea, Amoeiro Portavións, Amoeiro San Marcos, Lumareda, Os Nevadiños, Os da Caña, Mandrás, Os Carrilas e Arrieros de Dacón, ofrecendo un espectáculo cheo de cor, creatividade e ambiente festivo.

A celebración continuará na Praza Maior coa actuación da Orquestra La Noria, que ofrecerá dous pases, de 21,30 a 22,30 horas e de 23,00 a 1,00 horas, poñendo o broche musical a unha das noites máis esperadas do verán no Carballiño.

Xa o domingo, o protagonismo será para o deporte coa celebración da II Carreira do Pulpo, unha iniciativa que regresa tras o éxito da súa primeira edición e que aspira a reunir corredores populares, deportistas e familias nunha xornada de actividade física e convivencia.

A proba contará con dúas distancias para adultos, de 5 e 10 quilómetros, con saída ás 10,00 horas, así como cunha carreira infantil de 2 quilómetros, prevista para as 11,30 horas.

Como complemento á carreira, todas as persoas participantes poderán acceder gratuitamente á Piscina Municipal, onde a partir das 12.00 horas se desenvolverán sesións de zumba e ioga, completando unha mañá dedicada ao deporte e aos hábitos de vida saudables.

Desde o Concello do Carballiño anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nestas dúas actividades, que combinan tradición, lecer, deporte e dinamización social, contribuíndo a converter o municipio nun dos principais referentes do verán na provincia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------