A MIT mira de fronte aos medos do presente e celebra o encontro entre música e danza na súa segunda xornada

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A 42ª Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia continúa mañá, sábado, 18 de xullo, cunha xornada que combina recoñecemento á escena galega, apoio aos procesos de creación e algunhas das preguntas máis urxentes do noso tempo. O medo ao diferente, a crise ecolóxica, a incerteza ante o futuro e a memoria que gardan os corpos atravesan tres propostas moi distintas, unidas pola vontade de pensar o presente desde a escena. 

A actividade comezará ás 12,00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Ribadavia, coa entrega do Premio da Academia Galega de Teatro, unha cita que pon en valor o traballo e a traxectoria das profesionais que sosteñen e enriquecen as artes escénicas do país. Nesta edición, o galardón recae no director, escenógrafo e xestor cultural Antonio Simón.

A programación continuará ás 20,00 horas, na Igrexa da Madalena, coa mostra en proceso de Zoombies, unha investigación escénica do artista Pedro Vilela e TREMA!, chegados desde Portugal. A peza emprega a figura do zombi, tan presente no cinema e na cultura popular, para analizar como se foi construíndo ao longo da historia a idea dun “inimigo externo”. A partir desa metáfora, a proposta revisa os mecanismos cos que o medo e a deshumanización permiten sinalar como ameazantes determinadas identidades raciais, políticas, científicas ou migratorias. Nun contexto marcado polo crecemento dos discursos autoritarios e xenófobos, Zoombies propón unha mirada crítica sobre a fabricación do medo e sobre a facilidade coa que as tensións internas dunha sociedade poden transformarse en monstros exteriores. A súa presenza na MIT permitirá, ademais, achegarse a unha creación aínda en desenvolvemento, seleccionada nas Residencias Paraíso de 2026 promovidas polo Colectivo RPM, e compartir co público unha parte fundamental do proceso artístico.

Ás 21,00 horas, no Auditorio Manuel María da Casa da Cultura, chegará a estrea en Galicia de Colapso. Ser joven ante los límites del crecimiento, de Miguel Oyarzun e Juan Ayala. Trátase dunha obra de teatro comunitario e creación colectiva realizada con mozas e mozos de entre 16 e 21 anos, que sobe ao escenario as preocupacións dunha xeración obrigada a imaxinar o seu futuro no medio dunha crise ecolóxica.

A peza pregúntase que se pode facer ante a posibilidade da fin do mundo cando apenas se teñen dezaseis anos e cuestiona tamén un dos prexuízos máis habituais sobre a adolescencia: se a mocidade se asocia tantas veces co exceso e a irracionalidade, quen son realmente os que se están excedendo nesta crise ecosocial? Con este espectáculo, Oyarzun e Ayala pechan a súa Trilogía de juventud, un proxecto que anteriormente explorou a relación das novas xeracións coa tecnoloxía e coa economía.

O peche da xornada chegará ás 23,00 horas, no Auditorio Rubén García do Castelo, con Mercedes máis eu, o encontro artístico entre Janet Novás e Mercedes Peón. A bailarina e performer, Premio Nacional de Danza 2025, e unha das figuras máis innovadoras da música galega contemporánea constrúen xuntas un híbrido músico-coreográfico no que danza e música deixan de ser disciplinas separadas para entrar nunha conversa íntima e directa. Esta será ademais a última ocasión para ver en directo este espectáculo.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------