Antonio Simón foi homenaxeado co Premio da Academia Galega de Teatro nun emotivo acto da MIT en Ribadavia

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O salón de plenos da Casa do Concello de Ribadavia converteuse o pasado sábado no escenario principal do teatro galego ao acoller a un elenco senlleiro das xentes que contribuíron a facer historia neste eido artístico da cultura. Entre elas, Antonio Simón, actor, director, escenógrafo e xestor cultural, protagonista desta xornada da Mostra Internacional de Teatro (MIT) ao recibir o Premio da Academia Galega de Teatro de mans do seu presidente, Miguel Pernas.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O propio Miguel Pernas ‘actuou’ como presentador e mantedor dun actividade que congregou a máis dun cento de asistentes na Casa Consistorial ribadaviense, contando coa presenza do alcalde, César Fernández, e de Sabela Mendoza e Gena Baamonde, directoras artísticas do festival internacional de teatro. O cantante e guitarrista Mon puxo a nota musical ao interpretar melodías como “How deep is your love?”, “Let it be” ou “Yesterday”, entre outras.

Un emotivo acto que contou coas laudatio do produtor e investigador Paco Oti; o exdirector xeral de Cultura da Xunta, Luis Álvarez Pousa, o director Xulio Lago e da actriz María Barcala, que acompañaron a Antonio Simón en diferentes etapas da súa traxectoria vital e loubaron o seu polifacético traballo en prol da posta en valor do teatro tanto a nivel galego coma estatal. Unha matinal que rematou cun sinxelo discurso do homenaxeado, agradecendo aos “meus amigos” as súas mostras de afecto e cariño cara a súa persoa.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------