O carballiñés Alfonso Medela recibíu o ‘Premio da Música 2026’ da Fundación Ínsua dos Poetas

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O músico carballiñés Alfonso Medela recibíu este pasado sábado o Premio da Música 2026 da Ínsua dos Poetas, nun acto celebrado nesta paraxe natural da localidade da Esgueva, na parroquia carballiñesa de Madarnás, con motivo da ‘XVIII Festa da Palabra’, organizada pola Fundación Ínsua dos Poetas. Unha xornada adicada á lírica galega medieval e a un dos seus trovadores, Fernán Paez de Tamalancos, que foi posta en valor pola investigadora Mariña Arbor, e musicalizada polo Grupo Trovare.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Fina Casalderrey, en Literatura; a Sociedade Galega de Historia Natural en Medio Ambiente; o Clube Ciclista de Maceda, en Promoción da Lingua; Bieito Ledo, en Promoción da Cultura; Arturo Lezcano, en Galicia Exterior, e o xornal dixital Praza Pública en Medios de Comunicación, integraron o resto de persoas e institucións galardoadas nesta edición.

O xurado dos premios destacou a traxectoria de Alfonso Medela como pianista, compositor e arreglista cunha ampla formación musical, destacando a súa faceta como compositor, intérprete de jazz e como profesor de varias xeneracións de músicos no Conservatorio Profesional de Música do Concello do Carballiño, ademais de ter recibido varios premios en Galicia, Cataluña e resto do Estado Español.

Alfonso Medela, ao igual co resto dos premiados, foi agasallado cunha peza artística orixinal do escultor Acisclo Manzano, e que lle foi entregada por Eugenia Pérez, directora xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación, que estivo acompañada polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o concelleiro de Cultura do Concello do Carballiño, Diego Fernández, e o deputado provincial Rosendo Fernández.

Ao remate do acto de enrtrega dos premios, a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron na inauguración dun templete elaborado por alumnado de Formación Profesional para este espazo literario e cultural situado na parroquia de Madarnás e xestionado pola Fundación impulsada por Luís González Tosar.

En concreto, a escultura foi realizada por alumnado das antigas ensinanzas da Escola de Canteiros, do que hoxe é o Centro Integrado de FP Cantería de Galicia en Poio. Está realizada en granito fino procedente de distintas zonas de Lugo e de Ourense. Esta estrutura ornamental, que imita as liñas dun templo clásico, supera os 5.000 quilos e conta cunha altura de preto de tres metros.  

Eugenia Pérez destacou a importancia de conservar e impulsar os oficios tradicionais, como é o da pedra, moi vinculado á cultura e á economía galega. “Non pode haber lugar máis idóneo para mostrar este templete que este museo vivo ao aire libre concibido para exaltar a lingua, a literatura e a arte galega”, subliñou. Autoridades, premiados e convidados reuníronse nun xantar de irmandade.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------