A 42ª Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia chegará mañá sábado 25 de xullo á súa última xornada tras nove días nos que a creación contemporánea volveu percorrer os escenarios, as rúas, as prazas e as parroquias da vila. A programación final manterá a diversidade que atravesou toda a edición e reunirá teatro, música, circo contemporáneo, danza, artes vivas e investigación arredor do corpo.
Será unha despedida construída desde tres linguaxes escénicas moi diferentes e protagonizada por creadoras de Galicia, Andalucía e Canarias. Do relato autobiográfico e musical de Cris Balboa á poesía física de Proyecto Tránsito e á exploración identitaria de Paula Quintana, a MIT pechará a súa programación artística cun percorrido que vai da palabra ao movemento e do íntimo ao colectivo.
A actividade comezará ás 11,00 horas no Club Artístico, coa última sesión do obradoiro impartido pola coreógrafa e bailarina Poliana Lima. Este encontro pechará o espazo de formación e investigación corporal desenvolvido durante os últimos días, prolongando unha das liñas fundamentais desta edición: a MIT como lugar non só de exhibición, senón tamén de aprendizaxe, acompañamento e intercambio entre creadoras e participantes.
Pola tarde, ás 19,30 horas, o Auditorio Manuel María da Casa da Cultura acollerá Roland Mon Amour, de Cris Balboa. Definida como un “monodrama de desexo e música”, a peza sitúa a creadora soa en escena, acompañada polo seu sintetizador, para construír unha proposta na que conviven palabra, acción, música, danza, audiovisual e humor.
Ás 21.00 horas, a programación trasladarase á Alameda, onde a compañía andaluza Proyecto Tránsito presentará 361º, unha creación de circo contemporáneo e teatro físico para todos os públicos, sen texto, que mestura hula hoops, danza butoh, imaxes visuais e poesía escénica.
A clausura artística chegará ás 23.00 horas no Auditorio do Castelo coa estrea en Galicia de Atlas de anatomía, da creadora, coreógrafa e intérprete canaria Paula Quintana. A obra propón unha investigación arredor dun corpo que se cuestiona ante todo aquilo que aprendeu que debía ser e ante o lugar que supostamente “lle correspondía ocupar”.
















