A fusión de Carballeda de Avia con Ribadavia non convence a veciñanza nin aos concelleiros do goberno municipal

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Pintadas, pancartas e unha concentración diante da Casa do Concello reflexaron hoxe o sentir contrario dunha parte da veciñanza de Carballeda de Avia á fusión do seu concello co de Ribadavia, un antigo proxecto do que os alcaldes respectivos, o socialista Luis Milia e o popular César Fernández, aseguraron estar en conversas nos últimos meses.

Unha proposta que tivo o seu eco na sesion plenaria que a Corporación Municipal de Carballeda mantivo a pasada semana e pola que se interesaron os voceiros da oposición (PP e Carballeda Adiante) e un grupo de veciños presentes. Sen embargo, a postura manifestada por Luis Milia de “ir casa por casa” a explicar os detalles dunha futura fusión non foi do agrado da veciñanza, que constituí unha plataforma e convocou para este mediodía o acto de protesta, se ben o alcalde de Carballeda tentou xustificar no pleno unha posible unión intermunicipal en base ao envellecemento e a perda da poboación e á necesidade de manter e mellorar os servizos de asistencia social ou de calquera otro tipo aos veciños

Dende a plataforma alertan á poboación sobre a sinatura de calquera documento sobre a fusión a nivel particular, apuntando que “os asuntos municipais de tanta relevancia deben xestionarse a través un proceso público, claro, legal e transparente, e non mediante visitas porta por porta sen información previa nin garantías formais”.

E a concentración celebrada ao mediodía de hoxe foi calificada dun “éxito total” por parte dos convocantes, xa que foron varias ducias de persoas as que se achegaron ata a contorna da Casa do Concello, entre elas concelleiros da oposición e tamén do equipo de goberno de Luis Milia.

Así foi que os catro ediles do PSdeG-PSOE asinaron un comunicado para informar sobre a súa postura. No escrito, aseguran ser conscientes -e aí coinciden con Milia- dos retos que deben afrontar os pequenos concellos como o envellecemento, a perda de habitantes ou a dificultade para manter determinados servizos públicos. Sen embargo, apuntan que “non compartimos que a desaparición do noso Concello mediante unha fusión sexa a mellor resposta a eses desafíos”.

Neste sentido, consideran que deben explorarse outras fórmulas de colaboración entre administracións “que permitan compartir servizos, mellorar a xestión, optimizar os recursos públicos e acceder a novas oportunidades de finanzamento”. E aseguran que, dende o primeiro momento, a súa postura foi contraria a fusión e que non apoiarán a súa aprobación, sempre pensando no interese xeral de Carballeda de Avia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------