A concelleira non adscrita do Concello do Carballiño,Sofía García, defenderá no vindeiro Pleno municipal, que se celebrará este xoves, unha moción na que solicita a creación e posta en funcionamento dun Centro de Atención e Información da Seguridade Social (CAISS) no municipio.
A iniciativa parte da demanda da veciñanza do Carballiño e da súa comarca. Na actualidade, as persoas usuarias da Seguridade Social vense obrigadas a desprazarse a outros concellos para realizar trámites tan habituais como a solicitude de pensións de xubilación, viuvez ou incapacidade, a obtención de certificados ou a consulta de información relacionada coas súas cotizacións e prestacións.
Segundo explica Sofía García, “non é razoable que unhavila como O Carballiño, cabeceira de comarca e referente para miles de persoas, continúe sen dispoñer dun servizobásico que xa existe noutros municipios de menor tamaño”. A concelleira considera que esta situación supón unha clara desigualdade territorial e provoca importantes dificultades para moitas persoas, especialmente para a poboación maior, as persoas con diversidade funcional, as familias con menos recursos e a veciñanza do rural.
A moción destaca que a implantación dun CAISS no Carballiño permitiría ofrecer unha atención máis próxima, accesible e eficiente, reducindo desprazamentos, custos económicos e tempos de espera para a cidadanía. Ademais, contribuiría a reforzar o papel do concello como cabeceira de comarca.
A proposta que será debatida no Pleno recolle tres acordos principais: instar ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións a iniciar os trámites necesarios para a creación do centro; expresar a disposición do Concello a colaborar na procura de instalacións ou recursos que faciliten a súa implantación, e trasladar o acordo tanto ao Goberno central como á Xunta de Galicia.
“Falamos dun servizo público esencial que debe estar ao alcance de toda a cidadanía. O acceso á Administración non pode depender do lugar onde se viva nin obrigar a realizar desprazamentos innecesarios para cuestións tan importantes como unha pensión ou unha prestación social”, sinala Sofía García.

















