O Concello de Ribadavia continúa avanzando no seu compromiso por dotar a todas as parroquias e núcleos do municipio de novas infraestruturas e servizos que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza. Neste camiño, o Pleno da Corporación aprobou este xoves, 30 de xullo, unha modificación de crédito que permitirá habilitar unha partida de 20.946,07 euros destinada ao equipamento do futuro parque infantil da parroquia da Franqueirán.
Este novo espazo de lecer será posible grazas á colaboración entre o Concello de Ribadavia e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Marcos, Picoñas e Feixas da Franqueirán, un exemplo de cooperación entre administración e entidades veciñais para impulsar proxectos que repercuten directamente no benestar da cidadanía.
O futuro parque infantil permitirá que, por primeira vez, a Franqueirán dispoña dun espazo especificamente deseñado para o xogo e o encontro das familias, atendendo así unha reivindicación histórica da veciñanza da localidade.
A nova área contará cun conxunto de xogos e elementos adaptados ao uso infantil, entre os que se inclúen unha estrutura multixogo, un columpio mixto, un balancín, un xogo de resorte con forma de motocicleta, bancos, cartel informativo e pavimento continuo de caucho de seguridade, garantindo un espazo moderno, accesible e seguro para os máis pequenos.
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, destacou que “esta actuación é unha mostra da nosa forma de entender a xestión municipal: escoitando as necesidades da veciñanza e traballando da man das entidades locais para facer realidade proxectos que melloran o día a día das persoas. A Franqueirán levaba anos demandando un parque infantil e hoxe damos un paso decisivo para que deixe de ser unha aspiración e pase a ser unha realidade”.
Fernández tamén puxo en valor a implicación da Comunidade de Montes, sinalando que “a colaboración institucional e veciñal é fundamental para seguir construíndo un concello máis equilibrado territorialmente. Cando administración e tecido social reman na mesma dirección, os proxectos saen adiante e benefician ao conxunto da cidadanía”.
O rexedor subliñou ademais que “o noso obxectivo é seguir dotando todas as localidades de Ribadavia de infraestruturas e servizos que lles permitan gañar en calidade de vida, independentemente do seu tamaño. Queremos un concello no que vivir en calquera das súas parroquias signifique contar con espazos públicos de calidade e oportunidades para as familias”.
O Concello de Ribadavia suma con esta actuación outro paso máis na mellora dos espazos públicos e na creación de novas infraestruturas de proximidade, favorecendo a cohesión territorial e respondendo ás necesidades reais de cada núcleo de poboación que conforma o municipio.


















