O delegado territorial da Xunta visita o CEIP de Sandiás para supervisar as obras da cuberta, financiadas con máis de 212.000 euros

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado polo alcalde de Sandiás, Felipe Traveso, e pola concelleira do Partido Popular María del Carmen Gómez, visitou na mañá do xoves 30 de Xullo o CEIP de Sandiás para supervisar o inicio das obras de substitución da cuberta deste centro educativo.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Xunta de Galicia licitou a renovación integral da cuberta do CEIP de Sandiás cun investimento de 212. 791,87 euros, unha actuación incluída nun novo paquete de melloras das infraestruturas educativas impulsadas este ano polo Goberno galego ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica.

Este programa ten como obxectivo a mellora integral dos centros educativos galegos mediante actuacións orientadas á integración dos edificios na contorna urbana, á mellora dos espazos exteriores, á creación de zonas de socialización, á optimización da distribución interior e á aposta pola eficiencia enerxética.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


A maior parte das novas intervencións promovidas pola Xunta céntranse en dúas liñas de actuación: as grandes obras de reforma e o Plan Ben Estar, que contempla actuacións de mantemento, eficiencia enerxética e accesibilidade. No caso do CEIP de Sandiás, a actuación permitirá a reforma estrutural da cuberta do edificio mediante a substitución completa da súa cobertura, co obxectivo de mellorar o estado de conservación do inmoble, resolver os problemas de illamento e incrementar a eficiencia enerxética das instalacións.

Segundo explicou o delegado territorial, os traballos consisten na substitución da actual cuberta inclinada de tella cerámica por unha nova do mesmo material. Para iso, procederase á demolición da estrutura existente e ao desmontaxe da base de fibrocemento con amianto, que será retirada conforme á normativa vixente. Unha vez retirada a cuberta, instalarase sobre o forxado un illamento térmico de 10 centímetros de poliestireno antes da colocación da nova cobertura. Ademais, substituiranse as canlóns e as baixantes por outras novas de chapa de aceiro galvanizado.

Esta actuación súmase ás melloras executadas nos últimos anos nas instalacións do CEIP de Sandiás e ao peche do pavillón polideportivo, dando continuidade ao proceso de modernización das infraestruturas educativas do municipio.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------