Deputación e Residencia Literaria 1863 ofrecerán cinco bolsas no exterior para promover a creación literaria e o perfil internacional dos escritores ourensáns

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O presidente provincial, Manuel Baltar, e a poeta e xestora cultural, Yolanda Castaño, acordaron abrir unha vía de colaboración que facilitará durante unha estadía dun mes retiros individuais para a escrita ou o intercambio con outros creadores en países como Islandia, Turquía, Polonia, Croacia e mesmo noutros puntos de España 

Ourense, 2 de xaneiro de 2022.- A Deputación de Ourense e o centro Residencia Literaria 1863 ofrecerán en 2022 cinco bolsas para escritores ourensáns que terán como finalidade fomentar a creación literaria e o perfil internacional dos autores e autoras da provincia, facilitando a residencia durante un mes en países como Islandia, Turquía, Polonia, Croacia ou mesmo noutros puntos de España. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e a poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, acordaron abrir esta vía de colaboración tras un encontro mantido no Pazo Provincial. 

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Manuel Baltar subliñou que estas bolsas para residencia no exterior “supoñen unha aposta máis deste goberno provincial por ese piar básico que é a cultura, desta volta promovendo a competitividade internacional das nosas e dos nosos escritores, a súa produtividade creativa, o enriquecedor intercambio, o crecemento persoal, a reflexión artística e a revalorización da figura do escritor”. 

Unha gran oportunidade, destacou pola súa banda Yolanda Castaño, “para escribir a tempo completo e en condicións de excelencia, nun contexto global e mentres constrúen coñecementos, redes e vínculos que apoien a futura actividade literaria de proxección internacional”. 

O centro Residencia Literaria 1863, que a propia Yolanda Castaño dirixe na Coruña, será o encargado de coordinar o desenvolvemento das cinco bolsas, que serán convocadas pola Deputación de Ourense mediante o modelo de concorrencia competitiva. En retiros individuais para a escrita ou ben en espazos que tamén propician o intercambio con outros creadores, estas residencias no exterior levaranse a cabo en lugares como a campiña polaca, a cidade turca de Bursa, a paisaxe do suroeste islandés, a capital da costa dálmata ou as aforas de Mojácar.  

Para acceder ás bolsas, todos os escritores interesados deberán presentar a memoria dun proxecto de escrita creativa de calquera xénero literario, incluíndo narrativa, poesía, teatro, ensaio, literatura infanto-xuvenil e ata tradución literaria. Ademais deste proxecto, a desenvolver durante a estadía, entregaranse currículos, mostras do traballo e unha carta de motivación, materiais que o comité de avaliación revisará para escoller os cinco beneficiarios. 

As bases da convocatoria serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e na web da Deputación de Ourense. 

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------