Dentro do programa de mellora dos núcleos rurais, o Concello de Ribadavia activa o plan integral para Francelos cun dobre obxectivo: a mellora da accesibilidade, das infraestruturas viarias e dos servizos e a posta en valor dun núcleo especialmente rico no ámbito patrimonial, coa igrexa de San Xés como un dos principais estandartes. Trátase dunha xoia da arquitectura prerrománica do século IX declarada monumento nacional. Francelos é a parroquia máis poboada do municipio despois da capitalidade.
Os traballos, que contan cun investimento de preto de 100.000 euros financiado a través do Plan CooperOU 2026 da Deputación de Ourense, inclúen a renovación do pavimento e a mellora das redes de abastecemento, saneamento e drenaxe, así como o soterramento das canalizacións de baixa tensión e telecomunicacións. O obxectivo é dotar este espazo dunha infraestrutura máis moderna, segura e integrada coa contorna.
“Con esta actuación seguimos cumprindo o noso compromiso de mellorar os núcleos rurais de Ribadavia”, explica o alcalde, César Fernández. “Francelos merece unhas infraestruturas modernas, seguras e acordes co valor patrimonial e turístico que ten. Este investimento de preto de 100.000 euros non é unha actuación illada, senón o primeiro paso dun plan integral para seguir transformando este núcleo, mellorando a calidade de vida da veciñanza e poñendo en valor un dos espazos máis singulares do noso municipio”, incide o rexedor.
Así, esta primeira intervención forma parte dun plan integral para o núcleo de Francelos, que arranca coa renovación de infraestruturas e mellora dos servizos básicos, incrementando a calidade dos espazos públicos e, con eles, a calidade de vida da veciñanza. O goberno municipal busca garantir unhas mellores condicións de mobilidade e accesibilidade, ao tempo que preserva e dignifica as contornas que conforman a identidade patrimonial e paisaxística do municipio.

















