As festas patronais na honra da Virxe do Portal continúan en Ribadavia cunha ampla variedade de actividades culturais, musicais, tradicionais e relixiosas. Nesta terceira xornada, a programación contempla, dende as 19,00 horas, a confección, na rúa Progreso e fronte ao Castelo dos Sarmiento, da alfombra floral por parte da Asociación de Mulleres Rurais de Ribadavia, en ofrenda a Carballeda de Avia, concello ao que lle corresponde a quenda de homenaxe á patroa da comarca do Ribeiro.
A charanga Bandiños Band realizará un percorrido desde a avenida de Castelao ata a Praza Maior dende as 20,00 horas, mentres está prevsta unha animada verbena a partir das 22,30 horas no patio do IES O Ribeiro, que correrá a cargo da orquestra Olympus, rematando a véspera do Portal á 1,00 coa disco móbil MVP na rúa Progreso.
E mañá será o día central das celebracións, comezando ás 10,00 horas coa recepción de autoridades na Casa do Concello, para continuar cun pasarrúas da banda de música A Lira ata a igrexa de San Domingos. A laureada agrupación musical ribadaviense tamén acompañará o percorrido polas rúas máis céntricas da vila da procesión da Virxe do Portal, que partirá do templo parroquial ás 10,30.

Ao seu remate, terá lugar na igrexa a misa solemne na honra da Virxe, presidida polo bispo da Diócese de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, e que será cantada polo Coro do Club Artístico, e na que un representante do Concello de Carballeda de Avia será o encargado de dar lectura da ofrenda á patroa do Ribeiro. A charanga Castro Bello porá despois a nota musical no desfile de xigantes, cabezóns e cabezudiños dende a Praza Maior.
Xa pola tarde, no Parque dos Xardinillos, a compañía Henriko Todotrucazos Circo ofrecerá un espectáculo para a cativada, e o grupo Dr Slump amenizará os festexos na Rúa Progreso dende as 20,30 horas.
A festividade rematará ás 23,00 horas na contorna de San Francisco cunha gran tirada de fogos de artificio, a cargo da pirotecnia Josman.


















