O vindeiro sábado, 22 de agosto, celebrarase en Ribadavia “O Son do Colleiteiro”, o gran festival de viño dos Colleiteiros do Ribeiro, música e gastronomía tradicional de Galicia. O evento terá lugar na Alameda da vila ribadaviense a partir das 20,00 horas. Durante catro horas, grupos de música e baile galego, coa actuación estelar de Comando Curuxás poderase gozar dun encontro coa cultura galega onde será posible degustar algúns dos mellores viños de Galicia.
Nesta celebración participarán as adegas Casal das Boas Vides, Adega do Eladio, Adega Monte do Suido, Micropaxares, Adega Cuñas Davia, Adega Son do Arreiro, Adega Celme, Adega Pousadoiro, Casal do Canteiro, Adega Mauro Estévez e Adega Sonos do Desterro, e a asistencia para o público é libre e aberta a todo o mundo.
Asemade, a participación neste serán tamén está aberta a outras agrupacións folclóricas, de xeito que a organización ten aberta unha inscrición previa no teléfono 988 471 275, de xeito que as prazas seguirán esa mesma orde de inscrición.
O desenvolvemento deste evento ven a completar as actuacións que se levaron a cabo todos os sábados de xullo e agosto nos viñedos e adegas dos colleiteiros, nas que asistiron unha media de 150 persoas en cada unha destas citas.
A Asociación de Colleiteiros do Ribeiro aposta deste xeito pola comarca do Ribeiro como lugar para potenciar e atraer a numerosas persoas que desexen coñecer os pequenos proxectos, viños senlleiros e de gran calidade vencellados a historia do Ribeiro. Por outra banda poténcianse a música, a lingua e cultura tradicional galegas como valor e parte esencial de pertenza a historia de Galicia da figura do colleiteiro do Ribeiro.
A Asociación de Colleiteiros está formada por preto de 30 pequenos produtores da comarca do Ribeiro que teñen como fin dar a coñecer e potenciar o territorio, as castes tradicionais, recuperar o patrimonio vitivinícola e a historia e tradición desta comarca, desenvolvendo dunha viticultura sustentable, rexenerativa e en sintonía coa natureza.
O espazo escollido para o Festival e Feira Son do Colleiteiro é a Alameda de Ribadavia, fronte ao castelo medieval, apostando por Ribadavia como vila histórica vitivinícola e capital do Ribeiro, símbolo fundamental da historia do viño de Galicia e da súa importancia a nivel internacional durante máis de mil anos.
Este evento celébrase xusto ás portas da vendima máis temperá que se lembre na comarca do Ribeiro, polo que será a última oportunidade do verao para coñecer os viños dos colleiteiros, o seu proxecto e falar cos propios colleiteiros.


















