“Alerta amarela: a auga pasa a ser un asunto social”.
Segundo se recolle no libro O TEMPO QUE NOS UNE, de Miguel A. García e Manuel V. Villanueva, “… o verán chega tan só un 8,3% de chuvia anual […] Por outra banda, outubro e decembro son os meses nos que as precipitacións son máis abondosas. É dicir, normalmente o período de déficit de humidade vai desde principios de maio ata mediados de setembro, e se as chuvias de outono se retrasan os recursos hídricos escasean.
Neste contexto meteorolóxico, o Río Arenteiro chega ao verán de 2026 nunha situación de extrema fraxilidade: un caudal case testemuñal que xa se sitúa por baixo do mínimo histórico rexistrado na serie da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS). É dicir, o río xa bateu hoxe o seu peor rexistro coñecido. A pregunta de fondo é sinxela: hai auga dabondo no Arenteiro para o abastecemento á poboación e, á vez, para atender a ampliación de caudal demandada pola Mancomunidade de Carballiño-Maside co fin de abastecer o macro polígono industrial? Os datos, como se ve a continuación, din que non.
1. O estado do recurso
Un caudal xa por debaixo do mínimo histórico.
Segundo os datos da serie histórica do Anuario de Aforos da CHMS o caudal medio diario mínimo do ano, no Río Arenteiro, rexistrouse en 56 l/s o 23 de agosto de 2017. No presente mes de agosto, o pasado día 11 o caudal medio diario situouse en 60 l/s, o día 18 pasou a ser de 40 l/s, e as 10,15 horas de onte día 21, o caudal era unicamente de 30 l/s. O RÍO VAI PRACTICAMENTE SECO.

Catro semanas de caída sostida
A evolución do descenso sostido do caudal do río Arenteiro, nas últimas catro semanas, obtida apartir dos datos da estación de aforos da CHMS, amosase na seguinte gráfica:

Como se pode observar, ao longo do último mes o caudal do Arenteiro amosa unha caída sostida: pasa dun caudal medio diario de 120 l/s o 24 de xullo a 35 l/s o 21 de agosto. O día 18 o caudal xa se situaba por baixo do mínimo histórico do caudal medio diario na estación e o novo valor mínimo é ao redor dun 38% inferior a ese rexistro histórico anterior, evidenciando unha situación de seca extrema e continuada no río.
O macro polígono industrial: o río en perigo
As necesidades actuais de auga do Polígono Industrial da Uceira son 244.080 m³/ano (40,680 ha x 6.000 m3/ha∙ano). A ampliación prevista, de 88,647 ha, engadiría 531.886 m3/ano: a demanda de auga para uso industrial aumentaría a máis do dobre das necesidades actuais.
Para cubrir este déficit, a Mancomunidade O Carballiño – Maside presentou ante a CHMS a solicitude de incremento do caudal, para pasar dos actuais 84,72 l/s a 96,86 l/s (+14,33%), publicada no BOE de 25/04/2025. Este aumento da concesión supoñería 382.847 m3/ano polo que aínda quedarían sen cubrir 149.039 m3/ano, equivalentes a unhas 25 ha do pretendido macro polígono industrial.
De todo o anteriormente exposto é doado deducir que o Río Arenteiro presenta no verán unha situación de extrema fraxilidade e que o aumento da concesión, aínda sen chegar a cubrir tódalas necesidades do macro polígono industrial, poñería en perigo a garantía de subministración á poboación e supoñería o colapso da biodiversidade do río.
2. A trascendencia social: unha reivindicación sen resposta
A historia do Carballiño está estreitamente vinculada ao río Arenteiro: o equipo de fútbol local e varias entidades comerciais levan o seu nome, das súas augas abastécese a piscifactoría que nutre de troitas as concas de Ourense, e a Sociedade de Pesca Deportiva Arenteiro traballa desde hai décadas polo seu ecosistema, ademais do paseo fluvial que frecuentan a diario numerosos veciños. Todo iso amosa a transcendencia social das cuestións que afectan á supervivencia do río.
Ante a ameaza que supón o macro polígono, tanto para o abastecemento como para a supervivencia do río, varias entidades sociais, xunto con diferentes particulares, veñen participando activamente nos procesos de información pública da súa tramitación administrativa.
Froito, en boa medida, desta presión —exercida a través das alegacións presentadas nestes procesos— é que a Xunta non deu vía libre incondicional ao proxecto de macro polígono, senón un “sí condicionado” á resolución favorable da CHMS sobre a ampliación de caudal (06/11/2025). O deputado Néstor Rego (BNG) preguntou no Congreso sobre este mesmo expediente, no mes de xaneiro pasado, e o Goberno respondeu, no mes de febreiro, que as alegacións presentadas en setembro de 2025 “seguían avaliándose para proceder posteriormente a súa contestación”. Case un ano despois da presentación desas alegacións, a CHMS segue sen pronunciarse sobre a resolución definitiva do expediente na que se concede ou denega o incremento da concesión de caudal solicitado.
3. A resposta institucional do concello
Unha resposta que chega tarde
A comezos de xullo, a CHMS remitiu unha carta a 200 municipios para trasladarlles a súa preocupación polos datos hídricos do ano e pedirlles que tomen conciencia dunha situación que compara, en varias ocasións, coa seca vivida en 2017.
Un mes máis tarde, o pasado día 3, a CHMS declarou o estado de prealerta, de cor amarelo, por seca. Nesta ocasión, establece a necesidade de “A adopción de medidas e o concienciar á poboación desde os concellos… é fundamental sempre, e sobre todo, ante escenarios previsibles de SECA”.
Transcorrido mes e medio desde que a CHMS lle pedise aos concellos a colaboración pola seca e quince días despois de que se declarase a alerta amarela, por fin, o concello do Carballiño publica un bando no que comunica “Que, ante a grave situación de seca … os recursos hídricos que abastecen ao noso municipio atópanse nun nivel de extrema vulnerabilidade”.
Esta situación no é nova e menos “extraordinaria”, como se di no bando. Nos anos 2015, 2017 e 2022, o por entón alcalde Paco Fumega xa publicou bandos por seca. Agora, en 2026, tócalle ao alcalde en funcións. Pero ao mesmo tempo solicítase permiso para ampliar a captación de auga do río Arenteiro para construír un macro polígono industrial.

Unha reacción insuficiente
Tendo en conta a demostrada reiteración da “extrema vulnerabilidade” do río Arenteiro, non sería de estrañar que moitos carballiñeses pensen que os responsables municipais incurren nunha incoherencia de libro e nunha grave irresponsabilidade. Estase a xogar coa auga de boca dos veciños do Carballiño. O cambio climático, desgraciadamente, veu para quedarse, e o sensato e urxente é tomar medidas para a súa mitigación e adaptación, xusto o contrario do que supoñería construír un macro polígono industrial.
Non se trata só de construír máis depósitos, e máis grandes, se non hai auga para enchelos; trátase de priorizar e racionalizar os usos da auga, mellorar a eficiencia da rede de subministración e concienciar á poboación de que é un recurso escaso, ameazado polo cambio climático.
Dúas peticións e unha pregunta
A auga xa deixou de ser unha cuestión só medioambiental para converterse nun asunto social de primeira orde: un ben común, escaso e indispensable para as persoas e para a natureza. O Carballiño necesita unha política da auga que garanta o abastecemento á poboación e preserve o estado ecolóxico do río. Neste contexto de precariedade, é urxente:
- Que a Mancomunidade de Carballiño – Maside retire a solicitude do incremento do dereito concesional do caudal para extraer do río Arenteiro.
- Que no caso de que a Mancomunidade de Carballiño – Maside non retire a solicitudedo incremento concesional de caudal a CHMS denegue a solicitude de dito incremento.

Por último, a poucos meses das eleccións municipais, sería interesante coñecer que tratamento dan os partidos, nos seus programas, a dúas cuestións transcendentais para a veciñanza:
- Saber que Plan de uso e xestión da auga teñen para garantir a subministración á poboación e recuperar o caudal ecolóxico do río Arenteiro.
- Coñecer cal é o Modelo de ordenación territorial que propoñen para dotar ao municipio de chan industrial suficiente, ben sexa só dentro do seu propio territorio ou a través de terreos situados no municipio veciño de Maside.

















