A Deputación cooperará na mellora das instalacións da Asociación de Escaladores Ourensáns

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, confirmou esta nova liña de colaboración trala reunión mantida esta mañá no Pazo Provincial co vicepresidente de Asesou, Miguel Feijoo, e o asesor xurídico, Román Arias

Manuel Baltar felicitou aos representantes do club “por unha traxectoria que vai máis aló dos deportes de montaña, mesmo ofrecendo bolsas a deportistas, programas de inclusión nesta disciplina e colaborando con entidades sociais”. Un traballo, engade, “que se traduce no crecemento do club e na necesidade de novos espazos, futuro obxectivo ao que contribuirá a Deputación en “

AVANTAR ACTIVIDADES

Miguel Feijoo agradeceu entre tanto a receptividade do presidente, “para contar coas mellores instalacións á hora de facilitar un adestramento de alto nivel e calidade, ademais do apoio á nosa canteira”

Ourense, 2 de febreiro de 2023.- A Deputación de Ourense prestará o seu apoio para a mellora das instalacións da Asociación de Escaladores Ourensáns (Asesou). O presidente da Deputación, Manuel Baltar, confirmou esta nova liña de colaboración trala reunión mantida esta mañá no Pazo Provincial co vicepresidente da asociación, Miguel Feijoo, e o asesor xurídico, Román Arias.

Manuel Baltar felicitou aos representantes de Asesou “por unha traxectoria que vai máis aló dos deportes de montaña, mesmo ofrecendo bolsas a deportistas, programas de inclusión nesta disciplina e colaborando con entidades sociais”. Un traballo, engade, “traducido no crecemento do club e na necesidade de novos espazos, obxectivo ao que contribuirá este goberno provincial.

“Asesou xa vén demostrando a súa altísima participación activa na provincia -destaca o presidente da Deputación- realizando xornadas e programas de todo tipo, ou colaborando na organización de dúas actividades de ‘geocaching’ durante a última edición da Mobile Week”. 

Futuros proxectos de Asesou

Na reunión desta mañá tamén se estudaron posibles novos proxectos, entre os que sobresae a creación dun centro de tecnificación e un rocódromo de medidas oficiais. Dúas iniciativas, sinala Manuel Baltar, “que permitirían a provincia de Ourense seguir a consolidarse como un referente dentro desta modalidade deportiva, e que avaliaremos no futuro sempre en colaboración coa Xunta de Galicia”. 

A cooperación con Asesou “encaixa perfectamente na estratexia do goberno provincial para converter a Ourense nun gran ecosistema deportivo”, sinala Manuel Baltar, que lembrou outras iniciativas desenvolvidas pola Deputación no ámbito do deporte de elite, como o Centro de Adestramento de Remo e Piragüismo (Cerlac) situado en Laias, ademais doutros proxectos nos que achegou a súa axuda, entre eles o Centro de Tecnificación de Hóckey de Galicia, no barrio de Mariñamansa en Ourense, ou o centro de adestramento da Escola de Ciclismo de Maceda.

Pola súa banda, Miguel Feijoo agradeceu entre tanto a receptividade do presidente da Deputación “para que podamos contar coas mellores instalacións á hora de facilitar un adestramento de alto nivel e de calidade” para os socios tecnificados -entre eles, Iván Pacios, subcampión nacional de escalada na categoría sub-16-, ademais de seguir mellorando nos adestramentos aos más cativos -Asesou conta con máis de 200 licencias de rapaces menores de 18 anos-. 

Previsión de 700 licenzas federativas para 2023

Asesou é unha asociación que conta con escolas deportivas en escalada, marcha nórdica e carreiras por montaña, ademais de ser o único club de surf da provincia de Ourense. Cunha previsión de 700 licenzas federativas para cando remate o ano 2023, o club obtivo no último lustro importantes resultados deportivos que, sinalan, o sitúan no primeiro posto de Galicia por número de vitorias en escalada.

As actuais instalacións de Asesou, na rúa Avilés de Taramancos da cidade, son a terceira sede que estrea a asociación, que ante acrecente demanda de usuarios tivo que buscar novos espazos e de maior amplitude para atender a demanda.