Os e as socialistas destacan que o executivo de Baltar “nin pendurou a bandeira LGTBIQ+ no Pazo Provincial nin organizou programación algunha, a pesar de contar cun área específica de igualdade”
“A Deputación parece estar a favor de meter os símbolos da igualdade outra vez no armario”, denuncian antes de recordar que o bipartito PP-DP “no lugar de avanzar, retrocede por razóns que só eles saben”
O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia o “obsceno retroceso” da Deputación na defensa da igualdade e os dereitos humanos, cun goberno provincial de PP e DO que “soterrou” a celebración do Orgullo, negándose a instalar a bandeira multicolor na fachada do Pazo Provincial. Igualmente critican que o executivo de Manuel Baltar “obviou por completo na súa programación calquera tipo de actividade” en defensa do colectivo LGTBQ+, a pesar de contar cun deputada con competencias en materia de igualdade –Luz Doporto– que, ademais, ten dedicación exclusiva. Os e as socialistas destacan a “indecencia” deste bipartito que “no lugar de avanzar cara unha ampliación de dereitos e da igualdade” de toda a veciñanza, “retrocede por razóns que só eles saben”. “No 2017 a Deputación pendurou a bandeira ao mesmo tempo que iluminou a súa fachada principal, pero en 2022 negouse a instalar este símbolo internacional, escudándose en que xa iluminan a fachada“, destapan desde o PSdeG-PSOE antes de preguntar a PP e DO “se só defenden os dereitos das persoas LGTBQ+ pola noite e non polo día”.
“Indagaremos que intereses agocha esta volta atrás”, sinalan, xa que é “aínda máis grave pola ausencia total de programación ou actividade algunha” en defensa de que “ninguén se avergoñe ou se sinta agredido pola súa orientación sexual ou a súa identidade de xénero”. “Para que temos un presidente, varios vicepresidentes ou unha deputada en materia de igualdade, se ninguén nin fixo ni dixo nada en defensa dos dereitos LGTBQ+ nin no último mes ni antes?”, preguntan desde o PSOE.
“A Deputación de Ourense parece estar a favor de meter os símbolos da igualdade outra vez no armario”, denuncian. O PSdeG-PSOE recorda que esta institución “representa a todos e todas”, polo que “resulta incomprensible” que, ante unha data tan relevante, “non fixesen absolutamente nada durante tantas semanas”. “Os e as socialistas non imos calar ante estas actitudes e afrontas”, advirten antes de concluír sinalando que “xa penduramos o pasado ano unha bandeira multicolor na fiestras das nosas oficinas do Pazo Provincial”, unha enseña que “permanece desde entón pendurada no mesmo lugar” porque “os dereitos humanos deféndense todo o ano as 24 horas do día e non só a partir das dez da noite”.