San Amaro revivíu 2.000 anos de historia na festa castrexa de San Cibrán de Lás

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O recinto arqueolóxico de San Cibrán de Lás acolleu onte a 5ª edición da súa festa castrexa, organizada polo Concello de San Amaro e na que se recuperaron e reviviron actividades do antigo castro, con dous milenios de antigüidade. Moitas foron as familias que se achegaron a esta paraxe e levaron a súa propia comida para desfrutar dun día de lecer.

A mañá comezou coa recepción inicial por parte dos poboadores celtas á entrada do Centro de Interpretación da Cultura Castexa de Galicia rematou cunha loita entre os representantes de dúas facións diferentes, ambas escenificadas por integrantes do grupo de teatro Dar Trela do Carballiño, e que concluíu cun acordo entre as partes para o reparto de lindes e das augas dun regato.

Pero a xornada tamén contemplou un completo programa de obradoiros no que houbo unha alta participación da cativada do pobo castrexo: elaboración de pan con fariña e arandaos; confección de calzado con coiro ou de tecidos, entre outros.

E tamén houbo espazo para o elemento gastronómico, co asado de dous porcos e espeto e un xantar de confraternidade, que deu paso polo serán a unha experiencia inmersiva de canto primal, a cargo de Uxía Pedreira; un obradoiro de elaboración dun pandeiro vegano, por Óscar Górriz; actividades para os cativos; unha loita castrexa e a visita do mestre Alfonso Monxardín e unha oración celta no solpor, rematando cunha degustación de porco celta e concertos musicais.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------