Medio Rural destaca o valor e a tradición da IXP Pan de Cea, a máis antiga de España no seu sector

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe o valor e a tradición da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea, a máis antiga de España no seu sector e que “constitúe unha referencia para outros selos semellantes”, segundo afirmou na súa visita ao obradoiro de Aboamigalla, na que estivo acompañada por José Luis Valladares, alcalde do municipio de San Cristovo de Cea.

Este forno de San Cristovo de Cea é un dos doce agrupados actualmente na IXP e ten recibido recoñecementos mesmo no ámbito internacional, tales como o premio Best Artisan Bakery 2025-Galicia, polo seu traballo como panadaría artesanal, algo que tamén foi posto en valor pola conselleira.

Nesta visita, Gómez sinalou tamén que o Pan de Cea xera riqueza e emprego, como se pon de manifesto coas máis de 400.000 pezas anuais de produto certificadas e un valor económico estimado que supera o millón de euros. Trátase, así mesmo, dun pan que sobresae, ademais de pola súa calidade, pola súa antigüidade, o seu carácter artesanal e a súa estreita vinculación co territorio.

Neste contexto, a conselleira subliñou a importancia do cultivo do trigo en Galicia, non tanto polo súa cantidade en comparación co conxunto de España como pola conservación de variedades tradicionais e pola súa relación coa elaboración do Pan de Cea e do Pan Galego, as dúas IXP da nosa comunidade neste sector da panadería.

Así, puxo de relevo variedades autóctonas deste cereal, como Callobre e Caaveiro, seleccionadas a partir de ecotipos tradicionais galegos polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, adscrito á Consellería do Medio Rural. Nesta liña, Gómez indicou que estas castes teñen especial relevancia pola súa contribución á conservación do patrimonio xenético e alimentario propio da nosa comunidade.

A maiores, a titular de Medio Rural reafirmou o apoio da Xunta a estas producións de calidade, que cualificou como “pancas” de impulso e desenvolvemento do rural e que se pon de manifesto mediante iniciativas coma o Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada. Un plan que este ano conta cun orzamento de 10 millóns de euros, dous máis que o anterior, e que está enfocado a facer promoción dos diferentes indicativos de calidade que ofrece a nosa comunidade e que -afirmou Gómez- “son o mellor exemplo do que é a Galicia Calidade”.

A conselleira reiterou así que a “extraordinaria” despensa alimentaria galega representa un valor económico, social e cultural que cómpre coidar e potenciar, algo no que vén traballando o Goberno autonómico, remarcou.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------