O Concello de Ribadavia, a través do Consello Municipal de Deportes, organiza o vindeiro domingo 4 de outubro a 30ª edición do Día da Bici, unha das citas deportivas e de lecer con maior tradición no municipio. A xornada dará comezo na Praza Maior de Ribadavia, onde desde as 10,00 horas se realizará a entrega de mochilas e camisetas ás persoas inscritas. A saída está prevista para as 11,00 horas.
O percorrido desta edición discorrerá por Ribadavia, Francelos e San Cristovo, nunha actividade pensada para gozar da bicicleta nun ambiente participativo e promover a práctica de actividade física entre persoas de diferentes idades. As 200 primeiras persoas que formalicen a súa inscrición a través da web recibirán unha mochila e unha camiseta conmemorativa do evento. Ademais, ao remate da xornada, todas as persoas inscritas participarán no sorteo de dúas bicicletas.
O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o xoves 1 de outubro, e as inscricións poden realizarse a través da páxina web deportesribadavia.es.
O Día da Bici chega este ano á súa 30ª edición, consolidado como unha xornada de encontro arredor do deporte, da bicicleta e dos espazos do municipio. Tres décadas despois da súa posta en marcha, a cita mantén o seu carácter popular e a vontade de reunir nas rúas de Ribadavia a familias, rapazada e afeccionados ao ciclismo nunha mañá para compartir e facer deporte.
A actividade está organizada polo Concello de Ribadavia e o Consello Municipal de Deportes, coa colaboración de Ciclist@s do Ribeiro, 2M, Aqualia e o Clúster da Industria do Deporte Galego.


















