A apertura ao público do Museo do Papel culmina o proxecto do Parque Etnográfico do Arenteiro

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño está de noraboa: mañá abre ao público o Museo da Fábrica de Papel da Lavandeira e culmina o proxecto do Parque Etnográfico do Arenteiro, unha firme aposta do goberno local por poñer en valor a historia e paisaxe do municipio. Aínda que os primeiros pasos déronse hai máis de dúas décadas, nos últimos anos o Concello reforzou o proxecto e rehabilitou espazos senlleiros como o Muíño das Lousas ou o Muíño do Anxo. “A apertura do Museo da Fábrica de Papel supón o último paso de moitos anos de traballo e esforzo por parte do goberno local”, explica Manuel Dacal, concelleiro de Turismo.

Deste xeito, a partir de maña, os visitantes poderán acceder, por primeira vez e de xeito gratuíto, ao interior da antiga fábrica de papel. “Estamos moi satisfeitos, xa que completamos a oferta do Parque Etnográfico, un lugar que cada vez atrae a máis turistas pola súa historia e paisaxe únicas”, apunta o edil.

O museo contará cun horario de apertura de 10,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 18,00 horas de mércores a domingo. Ademais, haberá dúas visitas guiadas cada día (ás 11,30 e ás 16,30 horas), tamén de acceso totalmente gratuíto. “O percorrido non é só polo interior da fábrica, tamén inclúe o Muíño do Anxo, así como un percorrido pola contorna da fábrica para seguir e coñecer como se levaba a cabo todo o proceso de elaboración do papel”, detalla Montse Adalid, unha das guías do museo.

A rehabilitación e apertura da fábrica de papel supón tamén unha posta en valor do proceso de elaboración de papel a partir de trapos, un método pioneiro que naceu á beira do Arenteiro na primeira metade do século XIX. “Este museo pon encima da mesa a importancia da paisaxe industrial nesta comarca: a fabricación do papel levábase a cabo sen electricidade, era un proceso totalmente artesanal co trapo como materia prima, e lévase a cabo no Carballiño nun momento no que se supón que Galicia é unicamente agraria, pero aquí había unha industria pioneira”, destaca Adalid.  

O concelleiro de Turismo lanza un convite a toda a veciñanza, así como aos visitantes: “Animamos a toda a xente a que veña, pasee e coñeza unha parte tan importante da historia do Carballiño e do río Arenteiro”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------