Arco da Vella a Adega de Eladio entona cos seus viños no ciclo ‘Cata a Arte’ en Ourense

IES CHAMOSO LAMAS

Benito Eladio Rodríguez Fernández presentou onte a súa adega Arco da Vella na cuarta sesión do ciclo “Cata a Arte” coa degustación e cata guiada do seu viño branco Torques do Castro 2021 e o seu tinto Tarabelo 2020, acompañada dun recital poético e de cancións. O evento tivo lugar no primeiro andar do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense con aforo completo.

Como actividade complementaria á cata sucedeuse un recital poético e musical cos artistas Andrés Fernández Rodríguez (cantautor) e José Luis Fernández Carnicero (pianista) e cos poetas Curra Figueroa Panisse, Pepa Álvarez Gómez e Néstor Fernández Diéguez. Levouse a cabo a través dunha intervención alterna de poetas e músicos, moderada polo adegueiro e tamén poeta Benito Eladio Rodríguez Fernández. Unha xornada moi completa, chea de poemas e cánticos alzados na honra do viño e da viña

OZOCOgz Deseño Galego

Nesta oitava edición continuouse coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para Asociación Ourensana de Esclerosis Múltiple, Párkinson y Enfermedades Raras (AODEMPER), organización sen ánimo de lucro que leva dende 1996 ao carón das persoas con Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermedades Raras da provincia de Ourense e das súas familias. Algúns dos servizos que ofrecen son os de psicoloxía clínica, fisioterapia, logopedia, traballo social e educación social.

Viño e arte

O ciclo celebrarase durante cinco xornadas no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 3 de novembro ata o 1 de decembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais. O seu aforo está limitado a 100 persoas por xornada, e as prazas serán cubertas por orde de retirada dos convites de xeito presencial no Centro Cultural dende o luns anterior a cada evento.

Para rematar esta oitava edición, o broche final poñerao o vindeiro xoves, 1 de decembro, a Bodega Alanís, que fará unha degustación do seu viño branco Gran Alanís 2021 en harmonía co espectáculo “Ilusionismo Gran Reserva”, da man de Magia en la manga.

Arco da Vella a Adega de Eladio

É unha pequena adega familiar que vén dunha saga de antigos viticultores-adegueiros asentados no concello de Beade. Co gallo de seguir a tradición herdada, Benito Eladio Rodríguez Fernández remodela a nova adega dotándoa de maquinaria e elementos de elaboración actuais  e cultivando as viñas herdadas inicia, no 2004, nova andaina no seo da D.O. Ribeiro. O camiño a seguir basease nos seguintes propósitos: viticultura: tradicional cuasi ecolóxica en viñas propias e cepa vella, castes autóctonas, sen herbicidas, insecticidas, nin antibotríticos velenosos. Elaboración tradicional con lévedos das propias uvas e temperatura de fervura controlada mediante equipo de frío.