Os alcaldes de Ribadavia e Carballeda de Avia, César Fernández e Luis Milia, compareceron hoxe para explicar por que consideran positiva unha posible unión administrativa dos dous concellos. A súa principal razón é a necesidade de garantir no futuro os servizos que recibe a veciñanza: sostelos esixe cada vez máis recursos, mentres que un municipio con maior capacidade económica podería mantelos, melloralos e impulsar novos proxectos.
Fernández precisou que a proposta aínda está en fase de estudo e que ningún dos dous plenos aprobou o inicio formal do procedemento. “Aínda non se adoptaron os acordos plenarios en cada un dos concellos para iniciar o expediente. O que estamos facendo, con responsabilidade, é recoller toda a información necesaria para trasladarlles aos nosos veciños o que entendemos que pode ser moi positivo”, explicou.
Con ese propósito, os dous concellos repartiron a través de Correos, hai aproximadamente dez ou doce días, unha carta asinada polos alcaldes e un folleto sobre a proposta. En total distribuíronse 3.000 folletos, de xeito que toda a veciñanza de ambos os municipios tivese acceso á información antes de que se adopten decisións.
Unha das cuestións nas que máis insistiron foi a continuidade dos servizos. Segundo explicaron, ambos municipios contactaron coas consellerías competentes e solicitaron información sobre os efectos que tería a unión administrativa nos ámbitos sanitario, educativo e social. Os alcaldes afirmaron que a documentación recibida respalda o mantemento dos servizos que se prestan actualmente e rexeitaron que o proxecto supoña o peche do centro de saúde ou do colexio de Carballeda de Avia. “O centro de saúde vai continuar como está. O colexio vai continuar como está”, asegurou Milia.
A proposta prevé tamén que Carballeda conserve a súa sede administrativa e a atención presencial, incluída a posibilidade de presentar nela solicitudes e documentación. Os servizos municipais existentes seguirían prestándose, coa intención de reforzalos alí onde haxa necesidades sen atender.
Fernández vinculou a unión coa capacidade de financiar os servizos de maneira estable. “Unir dous concellos significa multiplicar forzas, multiplicar recursos. Non é a suma directa dos dous concellos, senón que ten un efecto multiplicador”, afirmou. Ao seu xuízo, o reto é que os municipios poidan prestar servizos básicos con maior autonomía económica e menor dependencia de axudas doutras administracións.
Milia incidiu na situación dos concellos pequenos: “Os servizos cada vez son máis caros con respecto a outros anos, porque soben os carburantes, os salarios… E os ingresos cada vez van a menos”. Puxo como exemplo o custo do persoal e da atención social en Carballeda de Avia e advertiu de que a perda de poboación fai necesario buscar unha base económica máis sólida. Defendeu que a unión daría máis posibilidades de acceder a subvencións e de asumir a achega municipal que esixen moitas convocatorias.
Os rexedores explicaron que o municipio resultante superaría os 6.000 habitantes, o que, segundo expuxeron, melloraría o seu acceso ao financiamento ordinario. Tamén podería beneficiarse dos mecanismos de apoio previstos para este tipo de procesos voluntarios. A dotación autonómica de 1,8 millóns de euros para 2026 á que fixeron referencia corresponde ao fondo destinado aos concellos que completen procesos de unión, e non a unha cantidade xa asignada a Ribadavia e Carballeda de Avia.
Esa maior capacidade permitiría impulsar dúas actuacións que os alcaldes consideran estratéxicas: o desenvolvemento de máis de 700.000 metros cadrados de solo na zona do Lodairo, en Carballeda de Avia, para atraer empresas e emprego, e a creación dun servizo municipal de transporte que conecte os núcleos de ambos os territorios. Milia relacionou esta última proposta coas necesidades das persoas maiores e de quen precisa desprazarse para acudir a servizos, facer xestións ou acceder ao comercio.
Os alcaldes insistiron en que se trataría dunha unión administrativa que preservaría a identidade de cada territorio. Manteríanse os nomes dos lugares e parroquias, as festas, as tradicións e a vida asociativa. “Carballeda segue sendo Carballeda de Avia e Ribadavia segue sendo Ribadavia. O único que queremos é variar a unidade administrativa para facernos máis fortes e ter máis capacidade para prestar mellores servizos aos nosos veciños”, resumiu Fernández. As ordenanzas fiscais e os planeamentos urbanísticos vixentes continuarían aplicándose inicialmente en cada ámbito, ata a súa posterior harmonización conforme ao procedemento legal.
A información á veciñanza continuará sendo, segundo indicaron, a prioridade desta fase. Ademais do reparto dos folletos, os alcaldes manifestaron a súa disposición a reunirse cos colectivos e residentes que o soliciten para explicar a proposta e escoitar as súas preguntas. Fernández sinalou que queren valorar o apoio social antes de decidir cando levar aos plenos o inicio do procedemento.

















