O PSdeG-PSOE de Ourense dá en Valdeorras o pistoletazo de saída ao novo curso político cunha clara prioridade, preparar desde xa as eleccións municipais de 2027 e seguir fortalecendo o proxecto socialista no conxunto da provincia. A Comisión Executiva Provincial e o Comité Provincial, celebrados este sábado na comarca, serviron para facer balance do traballo desenvolvido pola organización nos últimos meses e, especialmente, para dar conta do proceso de preparación das vindeiras municipais, tanto na procura de candidatos e candidatas como na confección das candidaturas nos distintos concellos da provincia.
A dirección provincial puxo de manifesto que este traballo leva meses en marcha e que se está desenvolvendo concello a concello, comarca a comarca, en contacto directo coas agrupacións locais, coa militancia e coas persoas que poden asumir responsabilidades e liderar os proxectos socialistas nos municipios. O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila, destacou que “as municipais de 2027 non comezan en maio de 2027, comezaron xa hai tempo” e salientou que a organización provincial leva meses “traballando para que o Partido Socialista teña as mellores candidaturas, os mellores equipos e os mellores proxectos en cada concello”.
“Estamos facendo un traballo serio e constante para localizar persoas preparadas, comprometidas co seu municipio e con ganas de dar un paso adiante”, sinalou Vila. “Non estamos esperando a que chegue a convocatoria electoral, estamos construíndo desde agora as candidaturas coas que queremos presentarnos ante a cidadanía”, engadiu.
A celebración dos órganos provinciais en Valdeorras forma parte, ademais, do compromiso da Executiva Provincial de levar a actividade do partido ás distintas comarcas da provincia de Ourense, evitando que a política provincial quede concentrada nunha sede e reforzando o contacto directo co territorio. Álvaro Vila reivindicou esta forma de traballar porque “para facer política en Ourense hai que estar en Ourense, hai que percorrer a provincia e hai que falar coa xente que coñece de primeira man os problemas de cada concello”.
“Queremos que as nosas agrupacións saiban que a dirección provincial está aí, que as escoita e que traballa con elas. Valdeorras é unha mostra máis dun compromiso que imos manter ao longo deste mandato, que é estar presentes no territorio e acompañar ás nosas agrupacións”, afirmou. A dirección provincial considera que este contacto directo resulta especialmente importante nun momento no que o PSdeG-PSOE xa está inmerso na preparación das municipais de 2027, unha cita para a que a organización quere chegar cunha estrutura reforzada e con candidaturas capaces de ofrecer proxectos de futuro para cada concello.
Durante as reunións celebradas este sábado, a dirección provincial tamén puxo en común o estado dos traballos realizados nos últimos meses para avanzar na configuración das listas municipais. Vila subliñou que “non se trata simplemente de cubrir papeletas, senón de formar equipos e construír proxectos políticos que teñan raíces en cada municipio”. Neste sentido, explicou que o PSdeG-PSOE está buscando “persoas que coñezan os seus concellos, que teñan capacidade de liderar, que queiran dar un paso adiante e que compartan a vontade de transformar a realidade desde os gobernos municipais”.
“Temos moito traballo por diante, pero tamén temos moita ilusión e moita xente disposta a participar neste proxecto”, afirmou. O secretario provincial insistiu en que o obxectivo é que “ningún concello quede fóra desta planificación” e que a organización seguirá traballando nos vindeiros meses para completar as candidaturas e consolidar equipos por todo o territorio provincial.
A Comisión Executiva Provincial e o Comité Provincial celebrados en Valdeorras marcan así o inicio dun novo curso político no que o PSdeG-PSOE de Ourense pretende combinar o traballo institucional e de oposición coa construción das alternativas municipais para 2027. “Hoxe poñemos oficialmente en marcha un novo curso político, pero o traballo para as municipais xa leva meses en marcha”, resumiu Álvaro Vila. “Imos seguir percorrendo a provincia, falando coas agrupacións, incorporando persoas e preparando proxectos. En 2027 queremos que os veciños e veciñas de cada concello teñan unha candidatura socialista preparada para gobernar e para dar resposta aos problemas reais do seu municipio”, concluíu.















