O Carballiño e toda a provincia de Ourense despiden con profunda dor a José Juan Cerdeira Lois, falecido o 29 de setembro de 2026 aos 56 anos. Vaise un home bo, un profesional entregado e, sobre todo, un amigo leal. A súa morte deixa un baleiro difícil de encher entre todos os que tivemos a fortuna de compartir con el o camiño.
Raíces carballiñesas
José Juan naceu no Carballiño en 1970. Cursou os seus estudos no IES Nº1 do Carballiño durante os cursos 1985-1986, 1986-1987, 1987-1988 e 1988-1989, onde forxou amizades que mantería intactas toda a vida. Daqueles anos de instituto quedáronlle amigos da infancia como Laureano, Roberto, Rodrigo e outros , cos que conservou unha relación excelente ata o final: ese tipo de vínculo que só se constrúe na adolescencia e que el cultivou con lealdade e cariño.


O seu primeiro emprego chegoulle moi pronto, na axencia local do Carballiño , unha primeira experiencia laboral que marcaría o inicio dunha vocación de servizo á súa terra. Aqueles anos na axencia local non foron só un traballo: foron o primeiro paso dunha vida dedicada aos demais, sempre desde a cercanía e o afecto pola súa xente.
Traxectoria profesional
Licenciado en Ciencias Empresariais e Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela, Cerdeira Lois completou a súa formación cun posgrao en Xestión de I+D e un máster en Dereito Financeiro e Tributario.
A súa carreira profesional arrincou no Carballiño, onde traballou entre 1996 e 1999 como axente de desenvolvemento local na oficina creada pola asociación de comerciantes da localidade. Despois incorporouse á Deputación de Ourense, institución na que desenvolveu o groso da súa carreira e onde se converteu nun referente absoluto para a implementación de políticas sociais.

Desde 2012 estivo á fronte do Área de Benestar da Deputación de Ourense , desde onde coordinou a cooperación cos concellos en materia de benestar social e dirixiu programas destinados a mellorar a calidade de vida da cidadanía. A súa labor estivo especialmente ligada á modernización dos servizos sociais provinciais e á busca de fórmulas innovadoras para achegar a Administración á xente.
Foi clave para implantar o programa de termalismo social , que leva cada ano a miles de persoas aos balnearios da provincia, e coordinou a liña de axudas para o fomento da natalidade. O impulso a ese sector era unha das súas grandes obsesións, e hoxe Ourense é un referente en innovación termal grazas ao seu traballo incansable.
O legado no Benestar
A deputada provincial Patricia Torres , alcaldesa de Boborás, despedíao así:
«Hoxe a tristeza é inmensa na Área de Benestar da Deputación de Ourense. Estamos todos en shock. É moi difícil asumir unha perda así. Porque non despedimos só a un enorme profesional. Despedimos ao ser humano, ao pai, ao fillo, ao marido, ao amigo, ao compañeiro. A unha desas persoas que, case sen coñecelas, xa te gañan desde o primeiro momento.
Tiñamos a esperanza de verte novamente, e pronto, no teu despacho. De volver a esas reunións contigo e con Montse pensando que máis podiamos facer, como mellorar un programa ou como crear un novo para chegar e axudar a máis persoas. Cantas veces remataba o teu horario e ti seguías alí, traballando, pensando e buscando como mellorar a Área e as políticas sociais. Porque implicarte era a túa maneira de traballar, pero tamén de ser.
Sempre pensando en innovar e en axudar. E sempre cos datos por diante, porque che encantaban os datos. Fuches un loitador incansable polo termalismo en xeral e polo termalismo social en particular. Falabas do que crías con auténtica paixón. Elegante, cun trato exquisito, próximo e cunha enorme capacidade para facer fácil o difícil.
O Carballiño sempre presente. O Arenteiro e o Deportivo tamén. E ese humor tan teu, singular, que tantas veces nos fixo sorrir. Era chegar á Área e saber que alí estaba tamén o teu sorriso ou algunha das túas bromas.
Foi un privilexio coincidir contigo no camiño e unha honra traballar ao teu lado. Deixas unha pegada profesional inmensa, pero a humana é aínda maior. Non te imos esquecer, José Juan. Porque hai persoas que pasan pola nosa vida e outras que quedan nela para sempre.»

Nesa mención a Montse está precisamente Montserrat Rodríguez, a compañeira de tantos anos, que comezou con el na axencia local do Carballiño e que despois compartiu servizo na Deputación. Xuntos formaron un tándem inseparable, unha complicidade que Patricia Torres quixo destacar ao lembrar as reunións nas que ambos pensaban como mellorar os programas e chegar a máis persoas. Montserrat foi testemuña directa do seu compromiso, da súa paixón polos datos e da súa capacidade para facer fácil o difícil.
Un xefe, un mestre, un amigo
O recordo de José Manuel Baltar
O expresidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, tamén quixo despedirse del cunhas palabras cheas de afecto e recoñecemento:
«Que gran perda José Juan Cerdeira! A túa marcha apena profundamente a Deputación de Ourense e a toda a provincia. Persoa excepcional, técnico de prestixio, coa innovación e o compromiso por bandeira. Moito antes da túa etapa no goberno provincial organizamos unha xornada en San Clodio, en Leiro, para que alcaldes e alcaldesas fosen conscientes da importancia de captar fondos europeos. Máis tarde puxeches en marcha programas de éxito como o do termalismo social e dirixiches con acerto a área de benestar que deseñamos. Botaremos moito de menos o teu rigor e o teu compromiso. Eu especialmente a túa complicidade e as nosas conversas sobre arte, música, cine e deporte… Deixáronnos moi pronto e deixas unha pegada impresionante. Descansa en paz. Todo o meu cariño para a túa familia, compañeiros e amigos.»

Diana Sulleiro , compañeira da Área de Benestar, tamén quixo deixar constancia do que José Juan significou para ela:
«Que difícil é encontrar palabras para despedirte, José Juan… Todavía me cuesta creer que ya no estés. Qué tristeza tan grande y qué injusta es esta despedida.
Tuve la suerte de trabajar contigo y, para mí, fuiste mucho más que mi jefe. Fuiste una persona muy importante en una etapa de mi vida, alguien a quien quería, respetaba y admiraba profundamente.
Me quedo con tantos momentos, tantas conversaciones, tantos proyectos compartidos y con todo lo que aprendí a tu lado. Con tu manera de implicarte en cada proyecto, con tu exigencia, tu pasión por el trabajo y, sobre todo, con esa persona cercana y especial que había detrás del profesional.
Qué orgullo haber formado parte de tu equipo y qué privilegio haber podido compartir contigo tantos años de trabajo.

Me da muchísima pena pensar que ya no tendremos esas conversaciones, que ya no podré entrar en tu despacho, contarte algo, preguntarte qué te parecía o simplemente compartir contigo cualquier cosa del día a día. Son esos pequeños momentos, que entonces parecían tan normales, los que ahora adquieren un valor enorme y que guardaré siempre con muchísimo cariño.
Y cómo olvidar tus pequeñas ocurrencias, tus bromas y esa canción que, cada vez que sonaba, me hacía pensar en ti: *”Por la mañana café, por la tarde ron”.*
Gracias por todo lo que me enseñaste, por tu confianza, por tu cariño y por haber formado parte de mi camino. Ha sido un privilegio trabajar contigo y, sobre todo, haberte conocido.
Te voy a echar muchísimo de menos, José Juan. Descansa en paz, Jose. Todo mi cariño para tu familia y para todas las personas que hoy sienten profundamente tu pérdida.»
Un home de a pé
Quen o coñecía destaca a súa bonhomía, o seu carácter alegre e o seu esforzo incansable por axudar aos demais . Era un home que transmitía sempre a súa alegría, que sabía escoitar pero que tamén era un gran conversador.
Era, ademais, un acérrimo seguidor do seu querido Arenteiro , nos bos e nos malos momentos, e do Deportivo da Coruña. Ese humor tan seu, singular, que tantas veces fixo sorrir os que o rodeaban, era inseparable da súa forma de ser.
Despedida
José Juan Cerdeira Lois vaise demasiado pronto, pero deixa unha pegada imborrable no seu Carballiño natal, na Deputación de Ourense e no corazón de todos os que o quixemos. Amigo dos seus amigos, compañeiro exemplar, fillo, pai e marido devoto, soubo converter a súa vocación de servizo nunha forma de vida.
Como ben dixo Patricia Torres: “hai persoas que pasan pola nosa vida e outras que quedan nela para sempre.” José Juan queda. Queda no termalismo social que axudou a construír, nas políticas sociais que impulsou, nos compañeiros que formou e nos amigos que o lembrarán sempre.
Descansa en paz, José Juan. O Carballiño e Ourense non te esquecerán.
Sit tibi terra levis
Manuel Amil
















