- Finalizada a vendima, seguimos sen medidas que protexan ás pequenas produtoras e sen un prezo de referencia. Volvemos a sinalar o incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e a falta de medidas por parte da Xunta.
- Tanto na DO Ribeira Sacra como nas Rías Baixas, encontrámonos con prezos ruinosos, prezos que están condenando ás viticultoras e aos viticultores a desaparecer.
- Se esta situación continúa, moitas viticultoras e viticultores veranse obrigadas a abandonar a actividade, co conseguinte impacto económico, social e ambiental sobre o territorio.
Galiza, 1 de outubro de 2026. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) denunciamos que se está ofrecendo contratos a prezos reducidos e moi afastados do custos de produción ás viticultoras e viticultores da Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas e da DO Ribeira Sacra.
Na Ribeira Sacra, rematada a vendima cunha produción de máis de 5,4 millóns de quilos, constatamos que o prezo estivo arredor de entre 1,20€ por quilo de uva e 1,40€ a mencía, prezo que dificilmente cobre os custes e garante unha renda digna para as viticultoras e os viticultoras.
En canto ás Rías Baixas, na Subzona do Condado e na Subzona do Rosal, os prezos estiveron de media entre 1,20€ por quilo de uva e 1,30€, e tamén temos constancia de vendas entre 0,60€ e 0,80€. A todas luces resulta evidente que con estes prezos e, tendo en conta toda a suba de custos de produción, podemos falar de prezos ruinosos, prezos de miseria, que están condenando ás viticultoras e aos viticultores a desaparecer, mentres pola contra se lanzan grandes datos de producións e excelentes calidades nos medios de comunicación.
Na nosa organización seguimos reclamando o establecemento dun prezo de referencia, que cubra custos de produción e garanta a viabilidade económica das viticultoras e viticultores. Agora, finalizada a vendima, alertamos de que as produtoras víronse obrigadas a vender por baixo dos custos de produción e volvemos a sinalar o incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e a falta de medidas por parte da Xunta de Galicia.
Sen medidas e sen prezo de referencia
En agosto o SLG realizouunha asemblea coas viticultoras e viticultores da DO Rías Baixas do SLG para tratar a situación que atravesa o sector e mantivo unha xuntanza o 20 de agosto cos alcaldes e alcaldesas de Salvaterra de Miño, Ponteareas, Crecente, As Neves, Arbo, A Cañiza, Salceda de Caselas, Tomiño e O Rosal co fin de trasladarlles esta situación límite na que se encontra a viticultura na comarca, dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas. O obxectivo do encontro foi trasladar a necesidade de implementar medidas urxentes para reverter a situación crítica que vive o sector vitícola e, por parte das alcaldesas e alcaldes, amosaron preocupación e manifestaron todo o seu apoio ás reivindicacións das viticultoras e viticultores, comprometéndose a acompañalos na súas demandas.
No caso da DO Ribeira Sacra, xuntámonos o 7 de agosto co presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, António Lombardía para analizar a perspectiva de cara á campaña de vendima. En dita reunión subliñouse que os prezos da uva estaban a experimentar unha melloría gradual, e tanto o SLG como o Consello Regulador comprometéronse a manter unha vixilancia conxunta para asegurar que a prioridade sexa sempre a estabilidade económica da persoa viticultora. Tanto o SLG como o Consello Regulador insistiron na necesidade urxente de que se realicen estudos oficiais e independentes que determinen os custos reais de produción na DO Ribeira Sacra.
Pasividade da administración
A día de hoxe, a Consellería, coa súa inacción, está amparando o incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria; permitindo que cos impostos de todas as galegas e galegos se lle subvencionen ás adegas a plantación de grande superficies de viñedo, a construción das súas instalacións, promoción dos viños e créditos brandos para a compra da uva -en moitos casos a baixos prezos-. A cambio, algunhas destas empresas están exercendo, na compra da uva, unha posición totalmente abusiva fronte ao pequeno viticultor e viticultora, forzando a asumir perdas, deixar a uva na parra ou elaborar un precario nas súas casas. Todo iso sucede ante a pasividade da administración, cómplice necesario, que mira para outro lado, agardando que os problemas se solucionen sós.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Perigo de abandono da viticultura
O SLG alerta de que, se esta situación continúa, moitas viticultoras e viticultores, veranse obrigadas a abandonar a actividade, co conseguinte impacto económico, social e ambiental sobre o territorio, incluído un maior risco de incendios.

















