O grupo socialista denuncia o “cinismo extremo” de Feijóo cando “falta á verdade” sobre o baleirado dos encoros, que coñecía dende xuño e xullo

Martín Seco denuncia que o presidente da Xunta teña responsabilizado a outras administracións cando el mesmo ten a competencia de vixiar e coordinar o baleirado das presas se afectan á fauna, como é neste caso

O responsable de Industria e Política Forestal do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de denunciar o “cinismo extremo” do presidente da Xunta cando “falta á verdade dicindo que a Xunta non coñecía o baleirado dos encoros”. Nunha intervención en Comisión parlamentaria, apunta que “ou Feijóo falta á verdade conscientemente ou a súa conselleira non lle conta a verdade e polo tanto debera cesala sen agardar un só minuto”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Sinalou que “a conselleira debe dar explicacións no Parlamento sobre un asunto tan grave, que pon de manifesto o fracaso da xestión dunha Consellería que non está preocupada pola flora e fauna dos encoros, como é a súa competencia, senón polo goberno de Pedro Sánchez, o que a converte nunha desgraza para o medio ambiente”.

Así o dixo logo de coñecer a información publicada hoxe por eldiario.es, facendo públicos os correos electrónicos do mes de xuño e xullo sobre o baleirado dos encoros de Cenza e As Portas que a propia empresa enviou ao departamento de Conservación da Natureza do goberno galgo. Engade que “sabemos que tamén existen comunicacións dende a propia Confederación ao 112, segundo marca o propio protocolo de avisos establecidos entre a Xunta e a Confederación”.

Martín Seco anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para acadar “unha resposta minimamente coherente” por parte do goberno galego. Sinala que “agora non poden agochar que coñeceron do baleirado de man da concesionaria de Cenza o 10 de xuño e das Portas o 12 de xullo, o que non lle impediu provocar unha polémica dende os departamentos de Medio Ambiente e Infraestruturas, e do mesmo presidente da Xunta.

Reclamoulle ao presidente da Xunta e á conselleira de Medio Ambiente “que dean explicacións en sede parlamentaria por ter recibido a comunicación sobre o baleirado dos encoros das Portas e Cenza por debaixo do 20 por cento, como consta polos escritos da empresa concesionaria ao servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia”.

Seco amósase “atónito” diante das acusacións contra a Confederación Hidrográfica e o Ministerio para a Transición Ecolóxica supostamente por poñer en risco ambiental a flora e a fauna dos encoros. Lembra que o decreto 130/1997, que aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e os ecosistemas acuáticos continentais sinala con claridade meridiana a responsabilidade do goberno galego.

Reclámalle á Xunta que “utilice as súas competencias para garantir a integridade da fauna e flora dos encoros das Portas, Cenza, Salas e Belesar, como establece o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais”. Ademais, urxe á Xunta a presentar alegacións aos novos plans hidrolóxicos de cunca “para incorporar novas garantías e límites ecolóxicos sobre caudais mínimos a tódalas masas de auga”.

Segundo o dito Regulamento, o baleirado deberá ser comunicado un mes antes ao órgano competente, e este deberá notificalo á Consellería de Agricultura para que estableza as medidas oportunas para protexer á poboación ictícola. As medidas de protección serán fixadas polo Servizo Provincial de Medio Ambiente, quen “autorizará a anulación ou o baleirado coas condicións que garantan a protección da fauna acuática”.

Engade que “a competencia da protección flora e a fauna é exclusiva da Xunta de Galicia” e, aclara, “débeselle comunicar ao órgano pertinente da administración autonómica o desembalsado dun encoro se este vai deixar a capacidade en menos do 20 por cento”. Iso é o que fixo a concesionaria de Cenza e As Portas, polo que “non entendemos as declaracións das conselleiras de Infraestruturas e Medioambiente e as posteriores do presidente da Xunta”.

Sinala que é a propia Xunta “a única que lle podería poñer freo a un baleirado superior ao 80 por cento da capacidade dos encoros polos cales piden agora explicacións”.