A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se conceden as axudas dirixidas a escolas de música públicas e privadas dependentes de concellos e de institucións sen ánimo de lucro, entre elas, as Escolas de Música municipais do Carballiño e Ribadavia. En total a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destina 265.000€ a estas subvencións, das que este ano se benefician 78 escolas de 67 concellos de toda a xeografía galega, nas que estudan case 12.200 alumnos.
A convocatoria establece dúas categorías, unha para escolas de música públicas dependentes dos concellos e outra para as que dependan de institucións sen ánimo de lucro. En ambos os casos, os centros debían estar incluídos no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia. O obxectivo desta convocatoria é potenciar o funcionamento dos centros que imparten ensinanzas de música non regradas, dirixidas ao público en xeral, e prestarlles apoio ás iniciativas para o fomento, difusión e extensión destas ensinanzas por parte, tanto dos concellos como das entidades sen ánimo de lucro que teñen entre os seus fins a formación musical.
Non en balde, este tipo de escolas funcionan como canteira para a formación de afeccionados e nas súas instalacións prepárase ao alumnado para as probas de acceso aos estudos conducentes á titulacións oficiais de Música. Na primeira categoría concédense axudas por un importe total de 100.000€ a 42 escolas de música, entre as que figuran O Carballiño e Ribadavia, mentres que na segunda categoría, outras 36 escolas vencelladas a agrupacións musicais recibirán un montante global de 165.000 euros.