Editorial : ” OS ADEUSES “

Este é o primeiro editorial de Badal Novas. Pensamos que 284 falecidos en Galicia e 17489 en España son merecentes delo

OS ADEUSES:

Cúmprese xa un mes dende que o Goberno decretou un confinamento forzoso e obrigado pola aparición dunha pandemia provocada por unha criatura minúscula, tan pequena que nin o noso ollo é quen de vela, tan pequena que nin os homes máis fortes e poderosos do planeta Terra, saben como loitar contra ela ou ni tan sequera onde agocharse para poder zafar dos seus cativos tentáculos.

AVANTAR ACTIVIDADES

            Vai aló un mes, un tempo no que agromou o sentimento de solidariedade cos enfermos e os seus enfermeiros e con aqueles que se preocupan de loitar contra o invisible inimigo, manifestado co aplauso diario, puntual, agradecido, compasivo e comprensivo con quen coida no duro día a día ós nosos enfermos aínda a risco de perder a súa propia vida.

            Pero a esa cara solidaria e xenerosa dunha imaxinaria e cruel moeda coa que ese asasino virus xoga a cara u cruz, fáltalle pórlle a outra cara desa xenerosidade: neste caso a cruz; esa que tódalas mañás, cando ollamos calquera medio de comunicación, aparece reflectida nas táboas e gráficas ou, simplemente, nos xélidos números daqueles enfermos que nos deixan e pasan a formar parte desa fatídica listaxe estatística de mortos.

            Nun país no que a morte é un dos sinais de identidade máis importantes do sentir popular, hoxe parece desaparecida: eses números e gráficos parecen ser o único recordo diario dispensado polos informadores ós que nos deixan. As estatísticas están ben, pero son números e detrás de cada número -hai que lembrar-  hai un ser humano que se vai e, o peor, vaise sen a despedida dos seus fillos, dos netos, dos pais, dos amigos, dos veciños, calado polo obrigado silencio da morte e co adeus furtivo de un ou dous achegados –no mellor dos casos- nuns desolados e tristes cemiterios. É o triste final dunhas xentes pertencentes a unha xeración loitadora, traballadora, entrañable e familiar que se ten que ir con este doloroso pago.

            Cando isto acabe, por moito que se diga e desexe, este país no vai ser igual, non pode ser igual cando, posiblemente, en menos dunha semana esteamos en 20.000 mortos e os mortos non se esquecen.

            Cando tódolos días, ás oito escoitamos ese xesto do aplauso dunha sociedade comprometida con esta situación, non estaría de máis que algún día tivésemos un xesto de lembranza, aínda que fose pequeno (un lazo, un rezo, un silencio …), para esas xentes que se van e as súas familias, orfas do cariño dos seres queridos nesta situación e do abrazo solidario dos que aínda resistimos a este temible mal.

            Mentres tanto, un sentido RIP e unha enorme aperta ós seus achegados. Que menos!