· A Vicesecretaría de Igualdade do Partido Popular de Ourense, encabezada por Elena Freijedo, coñeceu os proxectos de Alba Gil Bernárdez, xerente da Casa Niño, e Julia Crespo Pérez, responsable da parrillada Abanico
O Irixo, 14 outubro 2026. A Vicesecretaría de Igualdade do Partido Popular de Ourense, liderada por Elena Freijedo, realizou unha visita ao municipio do Irixo con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller Rural, que se celebra cada 15 de outubro, para coñecer de primeira man dúas iniciativas emprendedoras impulsadas por mulleres neste concello.
Durante a xornada, na que estiveron acompañadas polo presidente da xestora local do PP do Irixo, Álvaro Penedo, as representantes populares visitaron a Casa Niño que xestiona Alba Gil Bernárdez e a parrillada Abanico, rexentada por Julia Crespo Pérez.
A visita permitiu achegarse a dúas experiencias de emprendemento feminino en ámbitos diferentes, pero vinculados á prestación de servizos e á actividade económica no rural. Por unha banda, a casa niño, como recurso de atención á infancia e apoio á conciliación familiar; e, por outra, o establecemento hostaleiro, como espazo de actividade económica e encontro social.
Con esta iniciativa, a Vicesecretaría de Igualdade do PP de Ourense quixo dar visibilidade ao traballo das mulleres que desenvolven os seus proxectos profesionais nos pequenos municipios da provincia, coincidindo cunha data dedicada a recoñecer a súa contribución á vida económica e social do medio rural.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Elena Freijedo destacou a importancia de coñecer directamente estas experiencias para achegar ao debate sobre a igualdade, o emprendemento e as oportunidades no rural a realidade cotiá das mulleres que viven e traballan nos concellos da provincia.
A visita enmárcase nas actividades da Vicesecretaría de Igualdade con motivo do Día Internacional da Muller Rural, unha conmemoración que pon o foco no papel das mulleres no desenvolvemento económico, social e comunitario dos territorios rurais.









