Xuntos polo Irixo celebra que se contará cunha nova Casa do Maior tras a publicación da axuda no DOG

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • Xuntos polo Irixo celebra a concesión oficial desta axuda e destaca o seu apoio ao proxecto de Noela desde o ano 2024.

O Irixo, 19 de outubro de 2026. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a resolución pola que se concede a axuda para a posta en marcha dunha nova Casa do Maior no concello do Irixo. Unha noticia que desde Xuntos polo Irixo valoran de forma moi positiva, xa que supón un paso fundamental para a materialización dun proxecto que naceu hai dous anos.

A historia desta iniciativa comezou en 2024, cando Xuntos polo Irixo estaba á fronte do goberno municipal. Foi entón cando a veciña Noela presentou a proposta para poñer en marcha este servizo no concello. Aínda que O Irixo xa contaba cunha instalación destas características, desde a formación tiñan claro que ampliar os recursos de atención ás persoas maiores era unha necesidade imperiosa, tendo en conta a realidade demográfica do municipio e a importancia de ofrecer espazos de encontro, convivencia e acompañamento.

Neste sentido, desde Xuntos polo Irixo axudaron a Noela cos trámites necesarios para impulsar a súa iniciativa. Hoxe, coa concesión da axuda xa publicada oficialmente, o proxecto dá un paso máis cara á súa posta en marcha.

A formación política quixo trasladar publicamente a súa felicitación a Noela “por apostar polo Irixo e por dar este paso tan importante”. Así mesmo, desexáronlle moito éxito nesta nova etapa e amosaron o seu desexo de que esta Casa do Maior “se converta nun espazo de benestar, convivencia e vida para as persoas maiores do noso concello”.

Desde Xuntos polo Irixo reiteraron o seu compromiso de acompañar e apoiar iniciativas que melloren a vida das persoas e que contribúan a dinamizar o rural. “Porque o Irixo necesita máis recursos, máis oportunidades e persoas dispostas a apostar polo noso concello”, conclúen desde a formación.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------