A actuación forma parte do plan municipal de humanización e posta en valor das contornas das igrexas parroquiais, co obxectivo de recuperar, embelecer e facer máis accesibles espazos de encontro e convivencia da veciñanza.
O Concello de Boborás levará a cabo unha nova actuación de mellora e humanización na contorna da igrexa de San Pedro do Regueiro, cun investimento de 47.991,87 euros, financiado integramente pola Deputación Provincial de Ourense.
Esta intervención enmárcase no plan que está a desenvolver o goberno municipal para mellorar as contornas das igrexas das distintas parroquias do concello, tanto desde o punto de vista da conservación e posta en valor do patrimonio como da recuperación de espazos públicos que forman parte da vida cotiá dos veciños e veciñas.

Neste caso, a igrexa de San Pedro do Regueiro é unha edificación relativamente recente, construída no ano 2012, pero iso non lle resta importancia á actuación. Como explica a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, «non se trata unicamente de conservar e poñer en valor o noso patrimonio histórico, senón tamén de coidar aqueles lugares que a veciñanza utiliza habitualmente e que son puntos de encontro, convivencia e celebración nas nosas parroquias».
O proxecto contempla a renovación dos pavimentos da contorna da igrexa, combinando pedra de granito con outros materiais que permitirán mellorar a accesibilidade, facilitar o tránsito peonil e favorecer a integración paisaxística do conxunto.
Tamén se acondicionará o espazo de conexión co cemiterio, renovarase o peche existente mediante elementos de pedra e unha varanda de protección e realizaranse melloras na recollida das augas pluviais e na iluminación.
Estas intervencións permitirán crear unha contorna máis segura, accesible e funcional, especialmente durante as celebracións relixiosas, as procesións e os encontros veciñais.
A alcaldesa destaca que «as igrexas parroquiais e as súas contornas son, en moitos dos nosos núcleos rurais, moito máis ca lugares de culto. Son espazos nos que se reúne a veciñanza, nos que se celebran tradicións e nos que se mantén viva a identidade das nosas parroquias».



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Patricia Torres agradece tamén a colaboración da Deputación de Ourense, que financia a totalidade do investimento, e subliña que «o apoio da institución provincial é fundamental para que concellos rurais como Boborás poidamos continuar mellorando os nosos espazos públicos e atendendo as necesidades das distintas parroquias».
«Queremos que todas as parroquias de Boborás conten con espazos coidados, seguros e agradables, independentemente do seu tamaño ou número de habitantes. Mellorar estes lugares tamén é mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas», conclúe a alcaldesa.









