O BNG cuestiona o Orzamento da Xunta en materia deportiva e aféalle ao Goberno Local a súa nula capacidade de influencia

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Na reunión semanal do Consello Reitor do Consello Municipal de Deporte (CMD) o Portavoz e candidato nacionalista Luís Seara cuestionou os escasos investimentos da Xunta en materia deportiva para o exercicio 2027 e afeou a nula capacidade de influencia do Goberno local

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ourense, 22 de outubro de 2026. Coñecido o Proxecto de Orzamento Xeral da Xunta de Galiza para o exercicio 2027, o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense aproveitou a reunión semanal do Consello Reitor do CMD celebrada esta mañá para avaliar os investimentos que en materia deportiva, ten previsto acometer o Executivo galego en Ourense o vindeiro ano.

Para o Portavoz do BNG e candidato á alcaldía Luís Seara, “resulta descorazonador ver como no proxecto de Orzamento da Xunta para 2027 e no que a investimentos en materia deportiva se refire, as cantidades consignadas son xenéricas e referidas únicamente ao mantemento das instalacións xa construídas, non existindo investimentos en instalacións e proxectos novos”.

O BNG bota en falta partidas específicas “para a mellora do Estadio do Couto no que a renovación do sistema de megafonía, de iluminación, de accesibilidade ou de sinalética se refire ou mesmo para a construción do tan demandado pavillón para a práctica das distintas modalidades de ximnasia”.

Seara dirixiuse ao Presidente do CMD e Concelleiro de deportes Anibal Pereira para reprocharlle “a súa nula capacidade de influencia, xunto ao resto do Goberno local diante da Xunta de Galiza, pois son incapaces de conquerir compromisos reais e investimentos para a nosa cidade”.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


No BNG aféanlle ao Goberno local que “máis alá de laiarse continuamente dicindo que somos a cincenta de Galiza, a súa capacidade para influir noutras administracións e para captar novos investimentos para Ourense é nula, tendo que conformarnos coas migallas que nos dan e os Orzamentos en materia deportiva para o exercicio 2027 dan boa conta disto”.

O Grupo municipal do BNG xa adianta que presentará emendas ao Proxecto de Orzamentos da Xunta “en móitos ámbitos, tamén no deportivo, pois entendemos precisos avanzar na mellora das infraestruturas xa existentes máis tamén cremos preciso apostar pola creación de novas dotacións que nos permitan dar cobertura a todas as necesidades existentes”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------