O Concello de Piñor pon en marcha unha programación especial con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, co obxectivo de sensibilizar á cidadanía, fomentar a igualdade e contribuír á prevención da violencia machista desde diferentes ámbitos e, especialmente, dende a educación. O programa contempla tres iniciativas que combinan cultura, reflexión e intervención educativa, achegando esta mensaxe a diferentes públicos e xeracións.
A primeira actividade será o contacontos familiar “Somos iguais. Contos pola igualdade”, impartido por Raquel Queizás, que terá lugar o domingo 15 de novembro, ás 18,00 horas, no Centro Cultural de Arenteiro. Trátase dunha proposta dirixida a persoas de todas as idades que, a través dos contos e da narración oral, pretende transmitir valores de igualdade, respecto e convivencia. A entrada será de balde. A iniciativa está organizada a través do Programa de Educación e Apoio Familiar, cofinanciado pola Consellería de Política Social e Igualdade e pola Unión Europea (programa operativo FSE Galicia 2021-2027).
A segunda proposta será a obra de teatro “Golpes”, interpretada pola actriz Estíbaliz Veiga, que se representará o venres 20 de novembro, ás 20,00 horas, tamén no Centro Cultural de Arenteiro. Este espectáculo aborda a violencia machista e está especialmente recomendado para público a partir dos 14 anos. A través da interpretación teatral, pretende achegar ao público a realidade desta problemática e favorecer a reflexión e a toma de conciencia social. A entrada será gratuíta. Esta iniciativa está financiada pola Rede de entidades locais contra a violencia de xénero (Consellería de Política Social e Igualdade e FEGAMP).
A terceira iniciativa desenvolverase no marco do programa municipal ‘Piñor Concilia Familias Tardías’, o venres 20 de novembro, en horario de 16,00 a 19,30 horas. A monitora do programa realizará cos nenos e nenas participantes dúas actividades específicas de sensibilización: o mural colectivo “Pintamos un mundo libre de violencia” e o xogo “O semáforo das emocións”. A través destas propostas participativas e adaptadas á infancia, traballaranse a identificación e expresión das emocións, o respecto, os límites persoais e a importancia de construír relacións sas e igualitarias entre as persoas.
Con esta programación, o Concello de Piñor quere facer extensiva a conmemoración do 25N ao conxunto da comunidade, apostando pola cultura como ferramenta de sensibilización e pola educación desde as primeiras idades como elemento fundamental para a prevención da violencia, “porque a igualdade, o respecto e as relacións libres de violencia constrúense entre todas e todos, cada día”.

















