A Reitoral do Priorato de Santa María de Beariz acolleu o sábado 7 de novembro a presentación do libro Léxico agrícola de Beariz, de Manuel Prado López. A publicación recupera e preserva centos de palabras, expresións e refráns relacionados cos traballos tradicionais do campo e coa vida labrega do municipio.
O libro ten a súa orixe nun traballo de investigación realizado polo autor en 1976, durante a súa etapa como estudante na Universidade de Santiago de Compostela e por proposta do profesor e filólogo Francisco Fernández Rei.

Para elaboralo, Manuel Prado recolleu durante numerosas conversas e entrevistas o vocabulario empregado polas mulleres de Beariz que desenvolvían boa parte das tarefas agrícolas.
Elas son:
- Dorinda Casas Prado, avoa de Manuel Prado. (68 anos).
- María López Casas, nai de Manuel Prado. (46 anos).
- Herculina Fortes Lorenzo (67 anos).
- Mercedes Ogando Pérez (64 anos).
- Amelia González (46 anos).
- Aures Lorenzo (42 anos).
- Avelina Gulías Mirón (55 anos).
- Moncha Gulías (47 anos).
A obra estrutúrase arredor dos principais cultivos da zona —a pataca, o millo e o centeo—, ademais de abordar os aparellos de labranza, o coidado do gando e os diferentes labores que marcaban o calendario agrícola. O volume remata cun vocabulario que reúne arredor de 342 palabras e expresións propias deste universo rural.
Nas súas páxinas aparecen os nomes das ferramentas utilizadas nos traballos do campo, como o arado, a grade, a gadaña, os fouciños, a sacha, o legón, a picaia ou os cestos, xunto con termos relacionados co carro de vacas, as sementeiras, as colleitas, a malla, a esfolla, as regas ou a elaboración do esterco. Tamén se recollen denominacións vinculadas ás vacas, ás súas características, enfermidades e funcións dentro da economía familiar.

Durante a presentación salientouse que este léxico permite comprender unha forma de vida baseada no esforzo colectivo, na solidariedade entre a veciñanza e no aproveitamento dos recursos dispoñibles. O libro constitúe, deste xeito, unha homenaxe ás xeracións de homes e, especialmente, de mulleres que conservaron e transmitiron oralmente este patrimonio.

O acto contou cunha intervención na que se realizou un percorrido polos contidos da obra e pola importancia que tiveron a agricultura e a gandaría na historia de Beariz. Pola súa parte, Manuel Prado lembrou as persoas que colaboraron na investigación orixinal e agradeceu especialmente o labor das súas informantes, sen cuxos testemuños non sería posible conservar este conxunto de palabras.
O autor tamén expresou o seu agradecemento a Francisco Fernández Rei, impulsor do traballo universitario; a Tomás Nogueiras, pola súa colaboración na organización e maquetación do libro; a Rafa Prieto, autor das acuarelas que ilustran a publicación; e a Xesús Antonio Gulías Lamas, responsable do prólogo. Así mesmo, destacou o apoio da Xunta de Galicia ao patrocinio da edición.

Léxico agrícola de Beariz convértese así nunha valiosa ferramenta para conservar a memoria oral, lingüística e etnográfica do concello e para transmitir ás novas xeracións un patrimonio que corría o risco de desaparecer.

















