Dende Espazo Común Punxín veñen de manifestar “a nosa máis rotunda repulsa tras a rolda de prensa ofrecida no día de onte polo concelleiro recentemente cesado, Eladio Fernández. As súas declaracións non só amosan unha absoluta falta de rigor político, senón tamén unha grave carencia de educación e de coherencia institucional”.
Entre outros aspectos, dende esta formación política lembran “as continuas ocorrencias dun concelleiro que permaneceu tres anos e medio no grupo de goberno asistindo impasible á degradación do Concello. Resulta unha burla á veciñanza que pretenda agora «modernizar» Punxín rexistrando oito mocións no último día e a última hora; uns textos baleiros que non son máis ca brindis ao sol. Iso ten un único nome na política: propaganda”.
Dende Espazo Común Punxín apuntan que “a incoherencia política do señor Fernández acada cotas difíciles de xustificar ante a cidadanía”, e citan a súa ausencia reiterada nas últimas sesións plenarias; o seu deslexo na limpeza das franxas de protección contra os lumes, e finalmente, “as súas falsidades” sobre a construción dunha rotonda na estrada N-541.
Por último, para Espazo Común Punxín “resulta difícil de explicar ante os veciños e veciñas o espectáculo de velo postularse agora por un partido que el mesmo fundou hai dez anos. Dispor dunha formación propia, non concorrer baixo as súas siglas e dedicarse a picar en todos os paus da baralla segundo a conveniencia do momento define á perfección a súa traxectoria política”.
Dende Espazo Común Punxín esixen “respecto para este municipio e para a súa veciñanza. O señor Fernández debería dar un paso atrás de xeito definitivo, aínda que na práctica xa o fixo hai tempo: en Punxín nin vive, nin está, nin se lle espera”.
















