O vindeiro xoves, día 19 de novembro, ás 19,00 horas estará en Escolma Libraría o escritor Óscar M. Guzmán para achegarnos a súa obra “Só os mortos saben a verdade”, gañadora do Premio de Novela Curta ‘Manuel Lueiro Rey’. O autor estará acompañado por Valentín Barreiros, e xuntos debullaran o que ás veces supón mirar ao pasado e sentir a necesidade ou obriga de traelo a este presente. E máis cando ese pasado vén coa ansia de saldar algún tipo de débedas.
A historia desenvólvese ao longo dunha conversa na que o protagonista, Secundino, de 81 anos, axudándose do seu andador, percorre o camiño que o leva da residencia na que vive ata o bar que frecuenta visitar cada día. Durante ese camiño irá acompañado por un detective de seguros que acode ao lugar despois da morte por atropelo de Elixio Filgueiras, amigo de Secundino.

















