O PSdeG-PSOE de Ourense destaca o compromiso do PSOE e de Pedro Sánchez co turismo e o termalismo como motores de desenvolvemento da provincia

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PSdeG-PSOE de Ourense reivindica a aposta decidida do Goberno de Pedro Sánchez polo turismo na provincia, cunha política de investimentos orientada a modernizar os destinos, poñer en valor os recursos propios do territorio e impulsar un sector estratéxico para a creación de emprego, a actividade económica e a loita contra o despoboamento.

As e os socialistas destacan que Ourense ten no termalismo un dos seus maiores sinais de identidade e un recurso extraordinario para construír un modelo turístico propio, competitivo e sostible. As augas termais, o patrimonio, a natureza, o viño e a gastronomía conforman unha oferta con capacidade para atraer visitantes durante todo o ano e xerar oportunidades tanto na cidade como no conxunto dos concellos da provincia.

Neste sentido, subliñan que o Goberno de España está a demostrar con investimentos concretos que Ourense forma parte das súas prioridades en materia turística. Un dos exemplos máis relevantes é o Plan de Sustentabilidade Turística en Ourense Termal, que conta cunha achega directa de 1,35 millóns de euros da Secretaría de Estado de Turismo.

Este programa contempla actuacións para reforzar a competitividade do sector termal, mellorar as infraestruturas, impulsar a investigación e a innovación, desenvolver novos produtos turísticos, crear rutas de sendeirismo termal e fortalecer a promoción de Ourense como destino de referencia. Ademais, o Goberno aprobou a modificación e ampliación do convenio para facilitar o desenvolvemento das actuacións previstas.

Outro dos grandes proxectos é «Ourense, cerca de ti», unha iniciativa de Destinos Turísticos Intelixentes que conta cun investimento de 1,32 millóns de euros procedentes do Ministerio de Turismo, a través de SEGITTUR e dos fondos europeos Next Generation. O proxecto permitirá avanzar na dixitalización e modernización turística, con especial atención ao potencial termal e enolóxico da provincia.

A estes investimentos súmanse outros proxectos financiados polo Goberno de España a través dos fondos europeos para a sustentabilidade turística, como os 1,5 millóns de euros destinados ao Plan de Sustentabilidade Turística de Ribeiro-O Carballiño, outros 1,5 millóns para Valdeorras e a súa Ruta do Viño Milenaria, un millón de euros para o plan turístico do Carballiño e outro millón para Allariz Destino Sostible.

Tamén destaca o Plan de Sustentabilidade Turística «Ourense colle velocidade, Vilas Históricas e Termais», dotado con 1,5 millóns de euros, que busca reforzar o atractivo turístico de diferentes localidades da provincia e aproveitar a conexión entre termalismo, patrimonio e desenvolvemento territorial.

A candidata socialista ao Senado, María Fernández Ojea, destacou que “Ourense ten un potencial turístico enorme e temos que ser capaces de convertelo en oportunidades reais para a xente. O turismo non é só atraer visitantes: significa máis actividade para os negocios, máis traballo para a hostalaría, o comercio e as pequenas empresas, e máis posibilidades de futuro para os nosos concellos”.

Fernández Ojea subliñou que “o importante é que os investimentos se traduzan en proxectos, en servizos e nunha oferta turística moderna e de calidade. O Goberno de Pedro Sánchez está a mobilizar recursos para que Ourense poida aproveitar os seus valores naturais, culturais e termais, e para que os beneficios cheguen tamén ao rural e non se concentren unicamente nos grandes destinos”.

O termalismo, unha prioridade para o PSdeG-PSOE de Ourense

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense consideran que o termalismo non pode ser entendido unicamente como un recurso turístico, senón como unha auténtica oportunidade estratéxica para transformar a economía da cidade e da provincia, crear emprego de calidade, atraer investimentos e ofrecer alternativas de futuro á mocidade.

Por iso, lembran que o impulso do termalismo foi e continúa sendo unha das reivindicacións históricas dos socialistas ourensáns. O PSOE leva anos defendendo a necesidade dunha planificación conxunta e dunha maior cooperación institucional para aproveitar todo o potencial das augas termais.

Neste compromiso enmárcanse as propostas socialistas para crear un consorcio interinstitucional termal, que permita coordinar recursos, investimentos e actuacións, así como a reclamación dun marco normativo que protexa e impulse este sector.

O candidato socialista ao Senado, Federico Pérez Mato, afirmou que “o termalismo é unha das grandes fortalezas de Ourense e non podemos permitir que siga sendo unha oportunidade desaproveitada. Temos uns recursos naturais excepcionais e unha tradición que nos identifica, pero necesitamos planificación, investimentos e unha aposta política clara para que se convertan nun motor de desenvolvemento económico e creación de emprego”.

Pérez Mato lembrou que “o PSOE leva moitos anos traballando para que Ourense sexa recoñecida como capital termal, impulsando infraestruturas, defendendo a recuperación dos espazos termais e reclamando un proxecto de futuro para a cidade e para toda a provincia. O noso compromiso é seguir defendendo ese potencial e conseguir que se traduza en oportunidades para a cidadanía”.

As e os socialistas lembran igualmente a súa aposta por converter Ourense na capital do termalismo, cun modelo que combine a recuperación e posta en valor dos recursos naturais, a mellora das instalacións, a promoción turística e a colaboración co tecido empresarial.

Na cidade, o PSOE tamén vén reclamando que se aproveiten os recursos existentes nas ribeiras do Miño e nas distintas zonas termais, mellorando os servizos, a información turística e a conexión entre os distintos espazos. Neste sentido, as e os socialistas propuxeron integrar os recursos municipais no proxecto «Ourense, cerca de ti», financiado polo Goberno de España, para ofrecer unha información turística máis completa e accesible.

Unha aposta polo futuro económico da provincia

O PSdeG-PSOE considera que estes investimentos demostran que existe unha alternativa de desenvolvemento para Ourense baseada no aproveitamento dos seus propios recursos, na modernización dos destinos e na colaboración institucional.

O turismo ten capacidade para dinamizar a hostalaría, o comercio, as pequenas empresas, o sector vitivinícola e os servizos, especialmente nos municipios rurais. Por iso, os socialistas defenden que a aposta turística debe ir acompañada de investimentos sostidos, planificación e proxectos que permitan reducir a estacionalidade e distribuír os beneficios económicos polo territorio.

Neste contexto electoral, o PSdeG-PSOE de Ourense reivindica a diferenza entre os discursos e os feitos, destacando que o Goberno de Pedro Sánchez está a mobilizar recursos para que o potencial turístico da provincia se converta en proxectos concretos e oportunidades reais.

As e os socialistas aseguran que Ourense necesita seguir avanzando por este camiño, cun Goberno de España comprometido co territorio e cun proxecto político que aposta polo turismo sostible, polo termalismo e pola dinamización económica como ferramentas fundamentais para construír o futuro da provincia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------